A Deputación activa a segunda edición das axudas para as agrupacións de Protección Civil da provincia, dotada con 100.000 €
O prazo de presentación de solicitudes destas axudas, que o pasado ano beneficiaron a 22 agrupacións da provincia de menos de 50.000 habitantes da provincia, ábrese este xoves e permanecerá operativo un mes
13/05/2026
A Deputación de Pontevedra acaba de publicar a segunda edición da liña de axudas dotada con 100.000 € para as agrupacións de Protección Civil dos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. O prazo de presentación de solicitudes destas axudas, que o pasado ano beneficiaron a 22 agrupacións da provincia e que ten por obxectivo, tal e como explicou o presidente Luis López, “seguir mellorando a calidade dos servizos de protección civil dos concellos, modernizándoos para que continúen a ser agrupacións punteiras e de referencia no noso territorio”, ábrese este xoves e permanecerá operativo un mes.
Esta liña de axudas repartirá entre 1.000 e 5.000 euros por cada agrupación e permitirá subvencionar, tal e como explicou López, desde maquinaria ata ferramentas de rescate e salvamento, mobiliario para o local da agrupación, equipos informáticos, equipos de comunicación e dispositivos móbiles, material de seguridade viaria, material sanitario inventariable ou EPIs. O prazo para solicitar estes recursos, que aproba por segundo ano a Deputación de Pontevedra, será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación das bases das axudas no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.
O pasado ano beneficiáronse desta liña de axudas 22 agrupacións de Protección Civil dos concellos de Agolada, Caldas de Reis, Cambados, Cangas de Morrazo, Cerdedo Cotobade, Cuntis, Dozón, Lalín, Meis, Mondariz, Moraña, Poio, Portas, O Porriño, Ribadumia, O Rosal, Salceda de Caselas, Tomiño, Tui, Valga, Vilagarcía e Vilanova de Arousa, con recursos que oscilaron entre os máis de 2.000 e os 5.000 € por entidade.