Adrovi presenta na sede da Deputación en Vigo o seu calendario de 2027, que reúne ilustracións de escolares para sensibilizar sobre a doazón de órganos e tecidos
Doce traballos realizados por alumnado de distintos centros educativos acompañarán cada mes unha mensaxe de sensibilización
07/10/2026
A Asociación de Doantes e Receptores de Órganos de Vigo (Adrovi) presentou este mércores na sede da Deputación de Pontevedra en Vigo o seu calendario de 2027. A publicación, editada de balde pola imprenta provincial e distribuída gratuitamente pola entidade, está formada por unha portada e doce láminas mensuais, ilustradas con traballos realizados por alumnado de distintos centros educativos de Galicia.
Na edición de este ano participaron máis de 500 estudantes. Os centros de ensino premiados por Adrovi e o Sergas, que ven incluídas as súas creacións no almanaque, foron o IES Escolas Proval de Nigrán, o Colegio Sagrado Corazón de Jesús de Pontevedra, o CPI Eusebio Lorenzo Baleirón de Dodro, o CEIP Plurilingüe de Vite de Santiago, o IES Pino Manso do Porriño, o IES A Cachada de Boiro e o IES As Lagoas de Ourense.
Durante a presentación, a vicepresidenta da Deputación, Luisa Sánchez, que estivo acompañada polo deputado de Acción Comunitaria, Javier Tourís, agradeceu a Adrovi a elección da sede de Vigo para acoller o acto e puxo en valor o traballo do alumnado participante, que cada mes converte unha idea nacida nas aulas nunha mensaxe que chega ás casas, oficinas e outros recunchos da provincia.
Ademais de felicitar ao presidente da asociación, Celso García, polo labor que desenvolve a entidade ao longo de todo o ano para promover a sensibilización sobre a doazón, Luisa Sánchez salientou que os debuxos “falan de solidariedade, de tender a man e de segundas oportunidades”.
Pola súa banda, Javier Tourís, agradeceu o “traballo invisible” de Adrovi, que acadou o éxito de converter a Pontevedra na provincia española con máis tarxetas de doantes, con preto de 47.000. Así mesmo, comprometeu o apoio da Deputación ás iniciativas de Adrovi.
Finalmente, Celso García animou a todas as persoas doantes a amosar o seu “orgullo” polo mero feito de selo. Igualmente, gabou a autenticidade das ilustracións, xa que o concurso impide o uso da intelixencia artificial.
