A Deputación inicia este domingo as visitas teatralizadas ao Castelo de Soutomaior con todas as prazas esgotadas
As actividades, pensadas para todos os públicos, comezarán o domingo 11 de outubro e estenderanse ata o 1 de novembro
08/10/2026
A Deputación de Pontevedra comeza este domingo as visitas teatralizadas ao Castelo de Soutomaior con todas as prazas esgotadas. As actividades, pensadas para todos os públicos, estenderanse ata o 1 de novembro do mesmo xeito que as visitas ao Castelo de Sobroso que, neste caso, inícianse o 17 de outubro. As visitas, producidas por EscénaTe, amosarán a historia dos castelos, as súas lendas e as personaxes que habitaron neles para achegalas á cidadanía dun xeito lúdico e divertido.
En total, 470 persoas desfrutarán das actividades en 26 quendas diferentes (cun aforo de 15 persoas por pase no caso de Sobroso e de 20 en Soutomaior). Nas visitas ao Castelo de Soutomaior as persoas participantes gozarán de “As voces de Soutomaior”, unha proposta que convida o público a percorrer os seus espazos a través das distintas épocas e personaxes que deixaron pegada na súa historia. Pedro Madruga e a memoria da revolta Irmandiña, o marqués de la Vega de Armijo e o ambiente social e político do século XIX, así como María Vinyals permiten descubrir a transformación do castelo en residencia, lugar de cultura e espazo aberto a novas ideas. Con humor, interacción coas e cos visitantes, elementos de lenda e momentos de emoción, a actividades converte murallas, salóns e xardíns nun escenario vivo e presente. As visitas a Soutomaior, que comezan este domingo, continuarán o 17, 18, 24, 25 e 31 de outubro, pechándose o 1 de novembro, con dous pases diarios, ás 12:00 e ás 16:30 horas.
No caso do Castelo de Sobroso, as visitas comezarán o día 17 de outubro e o 18, cun pase diario ás 16:30 horas, e continuarán os días 24, 25 e 31 de outubro e 1 de novembro, con dous pases diarios, ás 11:30 e ás 16:30 horas. Neste caso, as visitas están ambientadas na Idade Media durante o cerco sufrido pola raíña Dona Urraca. En “Os sinais de Sobroso”, o público integrarase na ficción como parte da poboación refuxiada na fortaleza e percorrerá os seus espazos descubrindo, a través da acción, como funcionaban os seus elementos e a súa relación co territorio. A experiencia combinará divulgación histórica, interpretación do patrimonio, intriga, humor e elementos da tradición galega vinculados ao Samaín e á Noite de Defuntos, nunha historia que irá facendo convivir progresivamente a realidade histórica de Sobroso coas súas lendas e coa súa memoria popular.
