Luisa Sánchez garante que os 5 millóns anuais previstos para convenios co Concello de Vigo permanecerán na cidade malia a negativa municipal a formalizar os acordos

A vicepresidenta subliña que o texto marco xa foi asinado polo Concello de Pontevedra e pola Mancomunidade do Salnés, ademais de recoller disposicións do Plan +Provincia

19/10/2026

Luisa Sánchez garante que os 5 millóns anuais previstos para convenios co Concello de Vigo permanecerán na cidade malia a negativa municipal a formalizar os acordos

A Deputación de Pontevedra mantén o seu compromiso con Vigo e coa execución dos investimentos previstos na cidade. Así o trasladou a vicepresidenta, Luisa Sánchez, tras a reunión celebrada este luns entre responsables da institución provincial e do Concello de Vigo para abordar a tramitación dos convenios bilaterais correspondentes a 2026 e avanzar na planificación dos de 2027.

Durante o encontro, ambas as administracións analizaron a situación dos convenios e as condicións necesarias para asinalos. A vicepresidenta explicou que, polo momento, o goberno local rexeita continuar coa súa tramitación, polo que a formalización dos acordos propostos quedou suspendida.

Neste contexto, Luisa Sánchez reiterou a disposición da Deputación a manter aberta a vía de diálogo co Concello co obxectivo de atopar unha fórmula que permita avanzar na cooperación institucional e garantir que os recursos previstos se destinen a actuacións en beneficio da cidade. “A Deputación vai seguir estando aí por Vigo e colaborará co Concello se este quere recibir eses 5 millóns de euros anuais”, sinalou.

A vicepresidenta lembrou que a proposta de convenio marco impulsada pola institución provincial busca reforzar a seguridade xurídica e establecer garantías para o correcto uso dos fondos públicos, en consonancia coa normativa vixente en materia de transparencia e subvencións. Estas condicións forman parte dos mecanismos de seguimento aplicables á xestión dos recursos públicos. “Todas as administracións temos a obriga de ofrecer á cidadanía información sobre a orixe e destino dos seus impostos”, engadiu.

Luisa Sánchez sinalou, ademais, que este modelo de colaboración xa foi asumido por outras administracións como o Concello de Pontevedra e a Mancomunidade do Salnés. Así mesmo, aplícanse disposicións similares no marco de programas provinciais de investimento municipal, como o Plan +Provincia, destinado aos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes. Por outra banda, recalcou que as medidas establecidas en caso de incumprimento parten dunha ordenanza aprobada polo anterior goberno provincial, no ano 2016.

En calquera caso, Luisa Sánchez remarcou que os fondos previstos para Vigo permanecerán na cidade, e insistiu en que a prioridade da institución provincial é que os investimentos poidan materializarse. A vicepresidenta concluíu reafirmando a vontade da Deputación de seguir traballando conxuntamente co Concello e de retomar as conversas cando exista disposición para avanzar.

audios

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 14 resultados.