A Deputación acolle na Aula CeMIT en abril dous obradoiros formativos para mellorar as competencias dixitais

Xa está aberto o prazo de inscrición para asistir a estas actividades, que se centrarán nos trámites por internet e na seguridade no uso das tecnologías

29/03/2026

A Deputación de Pontevedra acolle durante o mes de abril na Aula CeMIT dous obradoiros presenciais destinados a facilitar o uso das novas tecnoloxías no día a día e mellorar a seguridade dixital das persoas participantes. O primeiro obradoiro, baixo o título “Apps útiles para xestión de trámites en internet”, celebrarase do 13 ao 16 de abril en horario de 10:00 a 13:00. Durante estas sesións, os participantes aprenderán a utilizar aplicacións móbiles que permiten organizar mellor o día a día, acceder a sedes electrónicas e realizar trámites oficiais de forma áxil e cómoda, convertendo os procesos administrativos en tarefas moito máis sinxelas. As persoas interesadas poden inscribirse na web de CeMIT

O segundo obradoiro, “Prevención dixital: redes, fraudes e seguridade”, desenvolverase do 20 ao 23 de abril, tamén en horario de 10:00 a 13:00, e está orientado a ensinar aos asistentes a identificar ameazas dixitais, protexer os seus dispositivos e navegar en internet de forma responsable. Este obradoiro busca que as persoas participantes poidan aproveitar as tecnoloxías de maneira segura e positiva, adquirindo competencias que lles permitan detectar fraudes e riscos asociados ao uso das redes e das plataformas dixitais. As inscricións tamén están dispoñibles na web de CeMIT.

Ambos obradoiros son gratuítos e desenvolveranse na Aula CeMIT, situada no Edificio Administrativo da Deputación na cidade de Pontevedra. As accións forman parte do programa YoConecto promovido pola Fundación Cibervoluntarios, con 20 prazas dispoñibles para cada unha. Os participantes recibirán cadanseu certificado oficial ao seu remate.