A Deputación aproba os convenios cos primeiros 31 concellos que se adhiren ao novidoso servizo de soporte do padrón municipal

Os acordos forman parte dun convenio marco para a prestación deste servizo, cunha duración de cinco anos e posto á disposición dos concellos de menos de 50.000 habitantes

13/02/2026

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra deu luz verde este venres aos convenios de colaboración cos 31 primeiros concellos que xa solicitaron adherirse á novidosa solución tecnolóxica de padrón municipal de habitantes posta á disposición de todos os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. Trátase dunha medida “coa que este goberno segue a demostrar a gran verdade que hai detrás desa máxima que levamos defendendo desde a nosa chegada a este goberno: como se ve nesta Xunta de Goberno, os concellos son a nosa máxima preocupación e ocupación”, sinalou o presidente da Deputación, Luis López.

Deste xeito, os concellos de Arbo, Cangas do Morrazo, A Cañiza, Covelo, Crecente, Dozón, Forcarei, Gondomar, O Grove, A Guarda, A Illa de Arousa, Lalín, A Lama, Marín, Meaño, Moaña, Mondariz-Balneario, Moraña, As Neves, Oia, Ponteareas, Portas, Redondela, Salvaterra de Miño, Sanxenxo, Soutomaior, Tomiño, Tui, Valga, Vila de Cruces e Vilaboa son os primeiros en adherirse ao convenio marco que regula a colaboración cos municipios para poñer en marcha este servizo, que está dotado de 400.000 euros. “Axudarémoslles durante un máximo de cinco anos e aínda estamos dispoñibles a outros concellos que o queiran solicitar”, concretou o presidente.

Coa adhesión destes 31 concellos a Deputación recibirá uns 18.000 euros anuais. Luis López lembrou que esta solución “é moi económica para os concellos, que teñen que achegar como máximo 1.000 euros ao ano no caso dos de máis de 20.000 habitantes, e apenas 200 € anuais os de menos de 5.000”.

Esta nova prestación de padrón municipal de habitantes prevé a instalación, xestión de acceso e identificación dos diferentes perfís e autorizacións, así como a integración coa plataforma de administración electrónica municipal para facilitar trámites e reducir os tempos de espera. O proxecto tamén inclúe a integración do INE para o intercambio automático e seguro de datos.

videos

audios