A Deputación destina preto de 600.000 € aos concellos de Cangas do Morrazo, Moaña e Bueu no marco do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas
Os concellos da comarca do Morrazo solicitaron poñer en marcha cinco actuacións para mellorar infraestruturas deportivas municipais con estes recursos provinciais
10/01/2026
A Deputación pechou esta semana o prazo de presentación de solicitudes para optar aos 8 millóns de euros do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas. Un plan que permitirá aos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia impulsar este ano preto de 90 actuacións que abranguen desde novas instalacións deportivas municipais ata a mellora e modernización das existentes ou a subministración de mobiliario e material para a práctica do deporte. No caso da comarca do Morrazo, o organismo destina preto de 600.000 € a Cangas, Moaña e Bueu, que solicitaron poñer en marcha cinco actuacións.
Cangas do Morrazo, con 242.977,12 € trátase, despois de Vilagarcía de Arousa e Redondela, do terceiro concello que máis recursos recibe ao abeiro do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas. Con estes recursos, o goberno local vai impulsar o proxecto de mellora dos campos municipais de fútbol das pistas do Keniata. Pola súa banda, Moaña recibe máis de 196.400 € que servirán para financiar parte do proxecto de adecuación do campo de fútbol de Domaio, na Granxa, que conta cun orzamento global situado en preto de 500.000 €.
No caso de Bueu, a vila recibirá preto de 150.000 € que destinará á posta en marcha de tres actuacións: o acondicionamento das pistas e a mellora da eficiencia no complexo deportivo do Xistro, a instalación da iluminación exterior na piscina municipal e a mellora da eficiencia enerxética no alumeado do campo de fútbol das Laxes.