A Deputación repartirá máis de 15,5 M€ do II Plan Extra para financiar obras estratéxicas nas contorna de Vigo e do sur da provincia

Estes recursos provinciais completarán actuacións en 24 concellos que mobilizarán ata preto de 22 millóns de euros para impulsar proxectos transformadores, que fixan poboación e sentan as bases dun crecemento sostible e equilibrado no territorio

21/03/2026

A Deputación de Pontevedra acaba de activar as engrenaxes para distribuír os recursos do II Plan Extra, con máis de 15,5 millóns de euros para que os concellos da contorna de Vigo e do sur da provincia se sumen á modernización da provincia. Estes recursos provinciais completarán actuacións nos concellos de Arbo, Baiona, A Cañiza, Crecente, Covelo, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, Mondariz, Mondariz-Balneario, Mos, As Neves, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, Ponteareas, O Porriño, Redondela, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Soutomaior, Tomiño e Tui que mobilizarán ata preto de 22 millóns de euros para impulsar proxectos transformadores, que fixan poboación e sentan as bases dun crecemento sostible e equilibrado no territorio. As contías do II Plan Extra serán aprobadas no Pleno ordinario do organismo provincial deste mes de marzo, que terá lugar o venres 27, grazas á estabilidade política da provincia.

O Concello de Arbo recibirá preto de 500.000 euros para financiar o proxecto construtivo de ampliación da vía entre a rúa Miguel Davila e a estrada PO-400, que conta cun orzamento global de máis de 588.000 euros, e Baiona máis de 853.000 euros para o proxecto de rehabilitación urbana do Burgo, que ascende a máis de 1,1 millóns de euros. No caso da Cañiza, beneficiarase de 682.000 euros para o proxecto básico e de execución para a mellora da accesibilidade en Rosalía de Castro e Bueixos, cuxo orzamento ascende aos preto de 853.000 euros, e Crecente de máis de 398.000 euros para a humanización e mellora de infraestruturas en Sendella, que ascende aos máis de 468.000 euros. Pola súa banda, ata Covelo chegarán 500.000 euros do II Plan Extra da Deputación de Pontevedra e servirán para que o goberno local financie a ampliación e mellora da contorna do cemiterio de Barcia de Mera, que ascende a máis de 600.000 euros, e ata Fornelos de Montes preto de 221.000 euros para a urbanización da praza pública A Curuxeira de Calvos, cun investimento de preto de 260.000 euros.

Ademais, o Concello de Gondomar recibirá 900.000 euros para adecuar a vía e mellorar servizos para a creación dun itinerario peonil en Borreiros, que conta cun orzamento global de máis de 1,3 millóns de euros, e A Guarda 675.000 euros para o complexo deportivo da Sangriña, que supera os 900.000 euros. No caso de Mondariz, beneficiarase de 500.000 euros para a posta en valor e mellora paisaxística da contorna da praia fluvial do Val, cuxo orzamento ascende aos máis de 780.000 euros, e Mondariz-Balneario de 492.000 euros para a recuperación do espazo público na contorna dos hoteis, que ascende aos 579.000 euros. Pola súa banda, ata Mos chegarán preto de 899.000 euros do II Plan Extra da Deputación de Pontevedra para a mellora da contorna da Igrexa de Sanguiñeda, que ascende a preto de 1,2 millóns de euros, e ás Neves máis de 423.000 euros para a urbanización do polígono único, que supera os 498.000 euros.

O Concello de Nigrán recibirá máis de 772.000 euros para financiar a mellora de pistas deportivas en dunas de Gaifar, que conta cun orzamento de máis dun millón de euros, e o de Oia máis de 450.000 euros para ampliar e mellorar a contorna da praza do Campo e rehabilitar unha vivenda para uso comunitario, que supera os 530.000 euros. No caso de Pazos de Borbén, beneficiarase de máis de 488.000 euros para a mellora da mobilidade peonil entre o CPI Curros Enríquez e o auditorio municipal, cuxo orzamento ascende aos máis de 574.000 euros, e Ponteareas de 1,1 millóns de euros para a mellora da eficiencia enerxética da envolvente e para a ampliación da piscina e sala de fitness do complexo deportivo Álvaro Pino, que ascende aos preto de 1,6 millóns de euros. Pola súa banda, ata O Porriño chegarán 1,1 millóns de euros do II Plan Extra da Deputación para a rexeneración urbana de Torreiros, que ascende a máis de 2,7 millóns de euros, e ata Redondela preto de 762.000 euros para a reurbanización do camiño de Cidadelle en Chapela, que ascende aos preto de 1,1 millóns de euros.

Ademais, o Concello de O Rosal contará con máis de 378.000 euros para recuperar o espazo peonil na rúa da Estrada, en Pías, que conta cun orzamento de preto de 473.000 euros, e o de Salceda de Caselas con 700.000 euros para o proxecto de urbanización da prolongación da rúa Mártires de Sobredo e adxacente, cuxo orzamento é de preto de 1,1 millóns de euros. No caso de Salvaterra de Miño, beneficiarase de máis de 590.000 euros para a humanización da contorna da capela de San Roque, en Leirado, cuxo orzamento é de preto de 787.000 euros, e Soutomaior de 700.000 € para a mellora da accesibilidade da rúa Roxelio Landeiro entre a rúa Fonte do Conde e a rúa Rosalía de Castro, que supera os 875.000 euros. Finalmente, ata o Concello de Tomiño chegarán 900.000 euros para o proxecto de recuperación do espazo público para as persoas na contorna da Igrexa de Santa María de Tebra, que ascende a preto de 1,3 millóns de euros, e ata Tui 552.300 euros para a execución da segunda fase do paseo da Corredera e Augusto González Besada, que ascende aos máis de 736.000 euros.

No conxunto da provincia benefícianse do II Plan Extra 57 concellos da provincia que recibirán preto de 37 millóns de euros para impulsar proxectos estratéxicos locais que supoñen melloras relevantes en canto ao equilibrio territorial na prestación dos servizos, teñen transcendencia en sectores de ámbito local, supramunicipal ou comarcal, incentivan o desenvolvemento do territorio, atraen e fixan poboación, teñen un compoñente vertebrador e fomentan a igualdade de oportunidade entre o rural e urbano.