Rafa Domínguez sinala que o proxecto de Santa Clara incluirá a plantación de 500 especies arbóreas e plantas

O vicepresidente da Deputación asegurou, acompañado pola directora da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, que as escavacións arqueolóxicas afectarán a exemplares sen ningún valor ambiental xa que están danados e envellecidos

26/03/2026

Rafa Domínguez sinala que o proxecto de Santa Clara incluirá a plantación de 500 especies arbóreas e plantas

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, sinalou este xoves que o proxecto de Santa Clara incluirá a plantación de máis de 500 especies arbóreas e plantas xa que “os xardíns de Santa Clara son tanto ou máis importantes no noso proxecto que a propia edificación do Museo de Pontevedra”. Deste xeito, o vicepresidente Domínguez asegurou que “non nos imos limitar a manter, clasificar, coidar e sanear toda a área do bosque nin a traballar nos xardíns, senón que temos programado plantar todos estes novos exemplares para embelecer os xardíns de Santa Clara e que sexan os máis verdes e bonitos que ninguén poida imaxinar”. Domínguez sinalou que “temos un proxecto de mellora deste convento, pero sobre todo potenciando os xardíns como unha parte fundamental: o meu soño é que os pontevedreses poidan entrar neles e desfrutalos”.

As futuras escavacións que se realizarán nos xardíns de Santa Clara para a súa integración no Museo de Pontevedra serán “a maior escavación arqueolóxica dos últimos 15 anos en Galicia, e quizais a máis importante da súa historia polo lugar onde se vai realizar”. Os traballos, cunha duración inicial de tres meses, non afectarán a ningún elemento natural de valor, como aclarou a directora do Areeiro. Pilar Vela sinalou que xa en 2022 o persoal da Deputación destacou o mal estado sanitario e o envellecemento da maioría dos máis de 300 exemplares alí emprazados. Ademais, asegurou que ningunha das especies destacadas (como as sequoias, irmás das que chegaron ao bosque de Poio, un buxo de 5 metros ou varios castiñeiros) se atopan nesa área, senón na do bosque. Tamén destacou que non é posible transplantar os exemplares porque non sobrevivirían nas súas condicións actuais. Ademais, moitas esixirían a entrada de grúas nos terreos e teñen raíces baixo os muros do convento, co que se danarían tanto a árbore como a edificación.

“Un dos nosos obxectivos desde Areeiro é preservar e poñer en valor o noso patrimonio natural, e o último que faríamos sería autorizar a corta de árbores de importancia ou que tiveran posibilidade de sobrevivir”, sinalou Vela. O vicepresidente asegurou que “para facer este proxecto e as escavacións hai un arborado que retirar nos seus xardíns, por imperativo legal, por saúde vexetal e por protección do patrimonio que se debe retirar”. Por iso, non puido deixar de amosar a súa sorpresa por que o Concello de Pontevedra, tras solicitar a licenza “para iniciar o antes posible os traballos”, non a concedese senón que aprobase, no seu lugar, unha licenza condicionada a unha serie de aclaracións, “o que nos chama á atención”. O vicepresidente sinalou que esas cuestións, en canto á tala de árbores e o pozo, foron solicitadas a Patrimonio malia que o persoal da Deputación considera que quedan claras na documentación achegada coa solicitude de licenza.

O vicepresidente tamén aclarou que Patrimonio solicitou que a Deputación ampliase a área de escavación “para que non existan dúbidas e que se respecte ao máximo o patrimonio de Santa Clara e todo o que se poida atopar”. A solicitude de ampliación da zona a escavar obedece a que o organismo autonómico, igual que o provincial, quere “as máximas garantías neste proxecto porque ten séculos de historia”, e non a que se vaia ampliar o museo de Santa Clara. De feito, como sinalou Rafa Domínguez, “co proxecto que leva este goberno, a superficie do futuro museo é un 20% menor que a do proxecto de César Mosquera”, anterior vicepresidente provincial. “Ademais, ese espazo non se vai usar como almacén de restos arqueolóxicos, e será un 20% máis respectuoso cos xardíns de Santa Clara”, declarou. O goberno da Deputación asumiu esta ampliación e trasladouse ao contrato, procedendo a unha modificación de crédito “para que no convento de Santa Clara se faga unha escavación completa e en profundidade”.

O vicepresidente e responsable do Museo de Pontevedra lembrou o traballo feito ata este momento no marco do proxecto de rehabilitación de Santa Clara. “Malia o que se ten dito, non deixamos de traballar en ningún momento, pero moito dese traballo non era visible”, sinalou. Domínguez comezou sinalando o proxecto inicial para a rehabilitación do convento, realizado por Nieto Sobejano, no que se procedía á construción de edificios nos xardíns (onde estaría o museo) e uns almacéns de restos arqueolóxicos de terceiro nivel que non se poderían visitar. O anterior goberno provincial presentou primeiro un proxecto de almacén en Valdecorvos (“que meteu nun caixón”) e despois en Santa Clara, por mor dos problemas de espazo do Museo para almacenar este tipo de materiais, xa que o Museo asume por lei a clasificación e almacenamento dos restos arqueolóxicos atopados na provincia agás na zona de Vigo. “Cando chegamos á Deputación negueime a que os xardíns de Santa Clara se utilizaran como almacén e negociamos a modificación do proxecto coa firma gañadora: o resultado da negociación é que xa non se utilizaría así, reduciríase a área de construción na medida do posible, e a firma entendeuno e asumiuno á perfección xa que é un equipo con gran sensibilidade”, sinalou Domínguez.

Para solucionar este problema estrutural detectado fai máis dunha década, o goberno da Deputación decidiu construír un almacén robotizado para restos arqueolóxicos do Museo de Pontevedra “que dea máis espazo ao Museo, e solucionando un problema crónico grave, que vai estar situado no polígono de Barro e non nos xardíns de Santa Clara”, asegurou o vicepresidente.

Desde entón, en marzo de 2024 adxudicouse a redacción do proxecto e a dirección de obra da rehabilitación por máis de 1,7 millóns de euros, obtívose a aprobación de Patrimonio ao proxecto e, con iso, solicitouse a licenza de obra ao Concello “con sólidos criterios técnicos e xurídicos”. A concesión estaría condicionada á realización dos traballos de arqueoloxía “que todos sabiamos que teriamos que facer”, e coa posibilidade de “adiantar a licitación en paralelo tras falar cos técnicos municipais”. O Concello “negouse a dar a licenza municipal, para sorpresa dos técnicos, aducindo que primeiro os traballos e despois a licenza”.

Tras isto, “seguimos traballando en Santa Clara redactando o proxecto de catas arqueolóxicas”, que se presentou a Patrimonio, obtívose a aprobación, solicitouse a licenza, conseguiuse e realizáronse as catas, nas que apareceu unha grande estrutura conventual do século XIV “que reescribe a historia de Pontevedra: un achado de gran calado do que se intuía a súa existencia pero do que se atoparon as primeiras evidencias nestas catas”. Isto obrigou a realizar “un proxecto arqueolóxico de gran calado e unhas escavacións arqueolóxicas que nun primeiro momento ían ter outras dimensións”, e que polo seu tamaño e pola lei de contratación pública teñen un procedemento mínimo de cinco meses.

A partir de aí é cando Patrimonio da Xunta de Galicia solicita a súa ampliación e o Concello de Pontevedra solicita as aclaracións para conceder a licenza, o punto no que se atopa o proxecto na actualidade. “Agora segue o traballo nos despachos e comeza o traballo de campo”, asegurou Domínguez, que sinalou que “para poder facer o edificio do Museo toda esta tramitación teríaa que facer calquera goberno”. O vicepresidente da Deputación de Pontevedra sorprendeuse do voto a favor da paralización do proxecto de Santa Clara no Pleno de Pontevedra. “Queren boicotealo por unha motivación política, pero a veciñanza de Pontevedra pode estar tranquila, porque somos un goberno serio e transparente e Santa Clara avanza, malia os paus nas rodas e co máximo coidado de preservar o patrimonio”, asegurou.

Galerias de imaxes