A Deputación programa a próxima semana cinco espectáculos de teatro en Tui, Salceda de Caselas, Vila de Cruces, Nigrán e Gondomar enmarcados no circuíto +Escénicas
O martes 20 “Ninja” representarase en Tui; o venres 23 “Voo” en Salceda de Caselas; o sábado 24 “Ninguén tira fotos nos enterros” en Vila de Cruces e “Comemed(IA) -versión estendida” en Nigrán, e o domingo 25 “Falemos como galegas” en Gondomar
18/10/2026
A Deputación de Pontevedra programa a próxima semana, do 20 ao 25 de outubro, un total de cinco actuacións que forman parte do circuíto +Escénicas, co que a institución provincial apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes. Os espectáculos da semana terán lugar este martes 20 de outubro en Tui, o venres 23 en Salceda de Caselas, o sábado 24 en Vila de Cruces e Nigrán e o domingo 25 en Gondomar.
A programación semanal de +Escénicas comeza o martes ás 11:00 horas no Teatro municipal de Tui da man de Teatro Ghazafelhos e o seu espectáculo “Ninja”, unha peza que aborda o acoso escolar a través dunha historia chea de humor e reflexións sobre o respecto, o apoio mutuo e a diversidade na que a súa protagonista, Tori, está namorada da cultura oriental e o seu soño é ser unha ninja.
As citas continúan o venres ás 18:00 horas no Auditorio municipal de Salceda de Caselas da man da compañía Teatro O Cubo e o seu espectáculo de danza “Voo”. A función parte da ilusión das persoas por poder voar e nela dúas personaxes movidas pola curiosidade buscan a fórmula para alcanzar o ceo. Trátase dunha metáfora visual inspirada por un imaxinario común e revelador que emprega o teatro físico, a música, os obxectos, o humor e a danza como motor para alcanzar os soños, e está pensada para público familiar a partir dos 3 anos.
Xa o sábado, ás 18:00 horas, o Auditorio Xosé Casal de Vila de Cruces acollerá “Ninguén tira fotos nos enterros”, de Carlota e Compañía, que conta a historia dun feito sorprendente: unha familia celebrou, no mesmo día, unha voda e un enterro. Esta autoficción vai recreando as fotografías que unha nena de 11 anos tirou ese propio día. Con tenrura, humor, participación do público e técnicas de fotografía en vivo proponse unha reflexión colectiva sobre a morte dende a mirada da infancia.
Tamén o sábado 24 se representará “Commed(IA) – versión extendida” ás 20:00 horas no Auditorio municipal de Nigrán”. A obra mergúllase no universo da carreira espacial pasada, presente e futura, as novas tecnoloxías, a Intelixencia Artificial e todas as incógnitas que agocha o espazo exterior. Dirixido por Fran Rei, Píscore ofrece unha nova dose de humor e música, con gags trepidantes, referencias cinematográficas, unha visión divertida da actualidade e novos instrumentos, como o theremin ou o otamatone.
Por último, o Auditorio Lois Tobío de Gondomar acollerá o domingo 25 de outubro ás 19:00 horas “Falemos como galegas”, de Migallas Teatro. Trátase dun espectáculo humorístico interactivo onde se abordan moitas cuestións relativas á lingua galega. María Campos e Carlos Yus danlle vida a un feixe de personaxes con cancións que tratan temas como a defensa da cultura propia e do patrimonio natural, a influencia dos medios de comunicación, a publicidade ou a moda.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta a unha demanda que o sector profesional levaba facendo desde fai preto de 20 anos. Tralo éxito da primeira e da segunda edición, a institución provincial volve programar un novo ciclo desta iniciativa, que medrou o seu orzamento nun 36% desde a súa posta en marcha ata situarse na actualidade en 204.000 euros. Cada concello puido solicitar ata cinco actuacións de teatro e danza entre as dispoñibles no catálogo de +Escénicas, que inclúe máis de 600 propostas, en réxime de cofinanciamento: a Deputación asume o 90% nos concellos de menos de 5.000 habitantes, o 80% nos concellos de entre 5.000 e 10.000, e o 70% nos de entre 10.000 e 20.000 habitantes. As funcións terán lugar ata o 31 de marzo de 2027.