A Deputación leva este venres a obra Molto Barroco de Píscore ata A Lama dentro do ciclo +Escénicas
10/06/2026
A Deputación de Pontevedra leva este venres 12 de xuño á Lama a nova edición do circuíto +Escénicas, unha iniciativa da institución provincial que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia. Nesta ocasión, trátase do espectáculo “Molto Barroco”, de Píscore, que se representará ás 11:30 horas no CEIP A Lama.
“Molto Barroco” é un percorrido pola música barroca acompañado de escenas cómicas pensado para todos os públicos. O espectáculo está ambientado nunha corte real europea de mediados do século XVIII, habitada polo rei, a raíña, o bufón e un compositor que se reúne nunha pequena estancia con tres dos seus músicos para sacar adiante os encargos musicais do monarca.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta a unha demanda que o sector profesional levaba facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira e da segunda edición, a institución provincial volve programar un novo ciclo desta iniciativa, que medrou o seu orzamento nun 36% desde a súa posta en marcha, contando nesta anualidade con 204.000 euros. Cada concello puido solicitar ata cinco actuacións de teatro e danza entre as dispoñibles no catálogo de +Escénicas, que inclúe máis de 600 propostas, en réxime de cofinanciamento: a Deputación asume o 90% nos concellos de menos de 5.000 habitantes, o 80% nos concellos de entre 5.000 e 10.000, e o 70% nos de entre 10.000 e 20.000 habitantes. As funcións terán lugar ata o 31 de marzo de 2027.