A Deputación leva este domingo o ciclo +Escénicas a Cambados e Ribadumia con “Berenguela na gaiola” e “O que non estaba escrito”

Ambos espectáculos desenvolveranse nos auditorios municipais de cada concello, ás 18:00 horas no caso de Cambados e ás 19:00 en Ribadumia

04/03/2026

A Deputación leva este domingo o ciclo +Escénicas a Cambados e Ribadumia con “Berenguela na gaiola” e “O que non estaba escrito”

A Deputación de Pontevedra leva este domingo 8 de marzo o circuíto +Escénicas aos concellos de Cambados e Ribadumia con dous espectáculos para público adulto e familiar, respectivamente. Trátanse de dúas actuacións enmarcadas na segunda edición desta iniciativa provincial, que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia cun orzamento de 195.000 euros, 45.000 euros máis que na súa primeira convocatoria.

O auditorio municipal de Cambados acollerá ás 18:00 horas “Berenguela na gaiola”, de Galeatro, un espectáculo para público familiar dirixido por Paula Carballeira. A peza narra como tres anciás que viven nunha residencia da terceira idade deciden representar a través do teatro “Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela”, de Manuel María, para poder ser libres e cambiar o seu mundo.

Pola súa banda o auditorio de Ribadumia será o escenario de “O que non estaba escrito”, de Tarabela Creativa, a partir das 19:00 horas. Carmen Conde leva 20 anos percorrendo toda a xeografía galega e recollendo e escribindo historias. Na sesión a protagonista presentará unha escolma na que ata a vida máis anónima roza o improbable e a maior normalidade choca co delirio, con contadas que inclúen repertorios distintos escollidos en modo aleatorio para a ocasión.

Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta a unha demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira edición, entre abril do pasado ano e este mes de marzo representaranse un total de 136 funcións, escollidas entre un catálogo de espectáculos dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra, en 50 concellos da provincia de Pontevedra.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.