A Deputación leva este domingo o espectáculo Historias para escagharriñarse ata Mondariz dentro do ciclo +Escénicas
O espectáculo, de Teatro Ghazafelhos, está dirixido a un público familiar e representarase na Praza de España ás 20:30 horas
06/08/2026
A Deputación de Pontevedra leva este domingo 9 de agosto ata Mondariz a nova edición do circuíto +Escénicas, unha iniciativa da institución provincial que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia. Nesta ocasión, trátase do espectáculo Historias para escagharriñarse, de Teatro Ghazafelhos, que se representará ás 20:30 horas na Praza de España.
Historias para escagharriñarse conta a historia de tres cíngaros que percorren o mundo co seu carromato contando vellas historias da cultura popular que removerán pesadelos nos incautos oíntes. Coincidindo co seu 20 aniversario, Teatro Ghazafelhos recupera un dos seus primeiros espectáculos de rúa e, co seu característico humor, repasarán historias como as de A Cabra Montesina, As Lavandeiras, a Santa Compaña... Trátase dun espectáculo cómico de rúa para todos os públicos.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta a unha demanda que o sector profesional levaba facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira e da segunda edición, a institución provincial volve programar un novo ciclo desta iniciativa, que medrou o seu orzamento nun 36% desde a súa posta en marcha, contando nesta anualidade con 204.000 euros. Cada concello puido solicitar ata cinco actuacións de teatro e danza entre as dispoñibles no catálogo de +Escénicas, que inclúe máis de 600 propostas, en réxime de cofinanciamento: a Deputación asume o 90% nos concellos de menos de 5.000 habitantes, o 80% nos concellos de entre 5.000 e 10.000, e o 70% nos de entre 10.000 e 20.000 habitantes. As funcións terán lugar ata o 31 de marzo de 2027.
