A Deputación leva este venres a Ponte Caldelas un espectáculo de humor de Pepo Suevos no marco do circuíto +Escénicas
“Orille!” representarase na Alameda de Ponte Caldelas a partir das 19:00 horas
04/08/2026
A Deputación de Pontevedra leva este venres 7 de agosto a Ponte Caldelas un espectáculo de humor da man do actor Pepo Suevos encadrado na programación da nova edición do circuíto +Escénicas, unha iniciativa da institución provincial que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia. O espectáculo “Orille!” representarase a partir das 19:00 horas na Alameda de Ponte Caldelas.
Neste espectáculo, o actor e cómico Pepo Suevos lembra unha viaxe desde Santiago de Compostela a Baños de Molgas. Parecía que ía ser un percorrido moi tranquilo, pero cruzóuselle o camiño vestido de verde, e pasou a ser o peor inimigo da Garda Civil e das normas de Tráfico. Agora pode contalo sen botarse a chorar, pero intentando que o faga o público: iso si, da risa. “Orille!” narra como facer un trámite administrativo pode ser unha traxedia… e convertelo en comedia.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta a unha demanda que o sector profesional levaba facendo desde fai preto de 20 anos. Tralo éxito da primeira e da segunda edición, a institución provincial volve programar un novo ciclo desta iniciativa, que medrou o seu orzamento nun 36% desde a súa posta en marcha ata situarse en 204.000 euros. Cada concello puido solicitar ata cinco actuacións de teatro e danza entre as dispoñibles no catálogo de +Escénicas, que inclúe máis de 600 propostas, en réxime de cofinanciamento: a Deputación asume o 90% nos concellos de menos de 5.000 habitantes, o 80% nos concellos de entre 5.000 e 10.000, e o 70% nos de entre 10.000 e 20.000 habitantes. As funcións terán lugar ata o 31 de marzo de 2027.