A Deputación leva esta fin de semana o ciclo +Escénicas a Vilanova de Arousa e Ribadumia con “Máis saaabor!” e “O que non estaba escrito”
No caso de Vilanova de Arousa será o sábado ás 19:00 horas no Xardín Umbrío e en Ribadumia no Auditorio o domingo ás 19:00 horas
26/03/2026
A Deputación de Pontevedra leva esta fin e semana o circuíto +Escénicas aos concellos de Vilanova de Arousa e Ribadumia con dous espectáculos para público adulto e familiar, respectivamente. Trátanse de dúas actuacións enmarcadas na segunda edición desta iniciativa provincial, que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia cun orzamento de 195.000 euros, 45.000 euros máis que na súa primeira convocatoria.
O Xardín Umbrío de Vilanova de Arousa será o escenario o sábado, ás 19:00 horas, do espectáculo familiar “Máis saaabor!”, a cargo de Culturactiva Producións, unha peza cómica que xira arredor do mundo da gastronomía e da alimentación saudable, unha proposta que mestura música en directo con maxia, humor, moito ritmo e a participación do público. Dous recoñecidos chefs ofrecen unha comida moi musical para toda a familia, unha visita cómica ao mundo dos fogóns para promover o achegamento á cociña, a alimentación saudable e o consumo de produtos de proximidade entre o público galego. O food truck de “Máis Saaabor!” é un carro de xantar de grandes dimensións do que xorden infinidade de xogos cómicos e máxicos e unha chea de elementos e trebellos cos que cociñar música.
Pola súa banda o auditorio de Ribadumia será o escenario de “O que non estaba escrito”, de Tarabela Creativa, o domingo a partir das 19:00 horas. Carmen Conde leva 20 anos percorrendo toda a xeografía galega recollendo e escribindo historias. Na sesión a protagonista presentará unha escolma na que ata a vida máis anónima roza o improbable e a maior normalidade choca co delirio, con contadas que inclúen repertorios distintos escollidos en modo aleatorio para a ocasión.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta a unha demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira edición, entre abril do pasado ano e este mes de marzo representáronse un total de 136 funcións, escollidas entre un catálogo de espectáculos dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra, en 50 concellos da provincia de Pontevedra.