O Palacete das Mendoza acolle a exposición "Mundos Deconstruidos", de Fernando Carballa
A mostra do artista pontevedrés abre as súas portas na sede de Turismo Rías Baixas o venres 3 de outubro e poderá visitarse ata o 19 de outubro
28/09/2025
A Deputación de Pontevedra abre ao público este venres 3 de outubro no Palacete das Mendoza a exposición "Mundos Deconstruídos", de Fernando Carballa. A mostra, protagonizada polos debuxos do artista pontevedrés, estará dispoñible ata o 19 de outubro na sala de exposicións da sede de Turismo Rías Baixas.
Fernando Carballa, quen ten traballado diversas técnicas como a pintura, o collage, a fotografía, o gravado, a cerámica ou o fotopolímero, achéganos unha proposta artística na que o debuxo abandona a súa función preparatoria e subalterna para adquirir entidade propia e elevarse á categoría de obra de arte. Carentes de artificios, o seus debuxos rexistran o trazo do artista, o seu pulso, e son a substancia do que acontece.
Os horarios de visita da mostra "Mundos deconstruidos" no Palacete das Mendoza serán os seguintes: de luns a venres de 8:00 a 20:00 horas, os sábados de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas, e os domingos e festivos de 10:00 a 14:00 horas.
