Luisa Sánchez garante a prórroga do convenio de Finca Matías solicitada polo Concello de Vigo para que a cidade conserve os fondos provinciais malia a tardanza municipal
A vicepresidenta convoca a comisión de seguimento para abordar esta ampliación do prazo e para revisar o estado dos investimentos en marcha e das propostas realizadas
03/07/2026
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, garantiu a sinatura da prórroga solicitada polo Concello de Vigo para asegurar a execución do novo parque de xogos en Finca Matías, unha actuación que conta con financiamento provincial e cuxas obras comezarán este mes de xullo.
Debido ao atraso acumulado na tramitación administrativa, o Concello de Vigo solicitou a ampliación de prazo esta semana ao non poder rematar a execución da obra no período de dous anos inicialmente previsto. A Deputación, atendendo ao interese xeral da cidade e co obxectivo de que o proxecto poida materializarse sen perder o financiamento comprometido, accederá á petición. “Quero tranquilizar á cidade e á veciñanza deste barrio. Podo garantir que Vigo conservará eses fondos. O meu compromiso é máximo”, indicou a vicepresidenta durante unha visita ao lugar onde se desenvolverán os traballos.
A institución provincial achega o 79% do investimento acordado (2.580.000 euros), mentres que o Concello completa o financiamento co 21% restante (668.000 euros). Tal e como explicou Luisa Sánchez, o proxecto prevé a construción dun parque de xogos con dúas áreas diferenciadas por idades. Unha se manterá con chan de terra y disporá de xogos construídos en madeira, mentres que a outra zona contará con diversos tobogáns, bambáns e outros obxectos de lecer. Ademais, habilitarase unha área de descanso con bancos e un pequeno paseo. Igualmente, o parque terá unha zona verde con novas áreas de xardín, céspede, pantallas vexetais e novo arboredo. Por último, renovaranse o mobiliario urbano, as redes de subministración e as luminarias. O prazo de execución ascende a oito meses.
A representante provincial en Vigo informou de que vén de convocar a comisión de seguimento prevista no convenio co fin de avanzar na prórroga solicitada. Luisa Sánchez amosou o seu interese por abordar tamén o estado dos investimentos en marcha e por coñecer a valoración do goberno local sobre as propostas realizadas pola Deputación para mellorar diferentes dotacións na cidade, ás que o Concello non respondeu.
Fondos xa rescatados anteriormente
Luisa Sánchez recordou que este investimento en Finca Matías é posible grazas ao rescate de 6,2 millóns de euros que ela mesma sacou adiante á súa chegada á Deputación de Pontevedra. Un rescate que precisamente fora necesario pola falla de execución do Concello de Vigo.
“Se a miña carta de presentación na Deputación de Pontevedra á miña chegada foi salvar 6,2 millóns de euros para Vigo pola inexecución do goberno local, agora tamén podo asegurar que estes 2,5 millóns se poderán empregar na creación do parque de xogos en Finca Matías para goce de todo o barrio”, aseverou.
