A Deputación destina preto de 1 millón de euros aos concellos do Deza e Terra de Montes no marco do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas
Os concellos das comarcas do Deza e Terra de Montes solicitaron poñer en marcha 16 actuacións para mellorar infraestruturas deportivas municipais con estes recursos provinciais
10/01/2026
A Deputación pechou esta semana o prazo de presentación de solicitudes para optar aos 8 millóns de euros do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas. Un plan que permitirá aos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia impulsar este ano preto de 90 actuacións que abranguen desde novas instalacións deportivas municipais ata a mellora e modernización das existentes ou a subministración de mobiliario e material para a práctica do deporte. No caso da contorna do Deza e Terra de Montes, o organismo destina preto de 1 millón de euros a Dozón, A Estrada, Forcarei, Agolada, Lalín, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces, que solicitaron poñer en marcha 16 proxectos de mellora de infraestruturas deportivas municipais.
Lalín con máis de 202.500 € do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas vai impulsar nove actuacións: a adquisición de material para o estadio San Lorenzo Vilatuxe; material audiovisual para o estadio Manuel Anxo Cortizo; material deportivo para este mesmo estadio, para o Lalín Arena e para o pavillón municipal; instalación de pavimento vinílico na pista do pavillón municipal; a reposición do muro de peche no lateral do campo de fútbol de Lalín; a cuberta para a zona de xogos; a rotulación de zonas no pavillón municipal; materiais para o estadio Manuel Anxo Cortizo e para a adquisición dun garaxe para salto con pértega.
Pola súa banda, A Estrada benefíciase de preto de 202.000 € para financiar a remodelación do novo municipal, que ascende a preto de 390.000 €; Silleda de preto de 131.000 € para a remodelación interior dos vestiarios da piscina municipal da Bandeira; Vila de Cruces de preto de 107.000 € para a construción dun muro para a mellora da visibilidade e da seguridade no campo de fútbol do Camballón; Forcarei recibirá preto de 95.000 € para a dotación de equipamentos para o ximnasio municipal; Agolada contará con preto de 89.500 € para obras de mellora nas instalacións do polideportivo municipal; Rodeiro recibirá máis de 89.000 € para financiar a construción de vestiarios, que acende a 143.000 €; e Dozón preto de 81.200 € para financiar a mellora da piscina municipal, que conta cun orzamento de máis de 96.000 €.