Luis López renova o compromiso da Deputación coas contornas rurais para o novo ano cun investimento de 400.000€ para mellorar a mobilidade na EP-5201 en Arbo
O presidente da Deputación, acompañado pola deputada Belén Cachafeiro e o alcalde Horacio Gil, comproba o remate das obras de construción de beirarrúas e mellora da seguridade viaria na contorna da igrexa de San Sebastián de Cabeiras
08/01/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, reafirma o compromiso do goberno provincial coa recuperación das contornas rurais a través da humanización de estradas, mellora da seguridade viaria e o impulso da mobilidade peonil nunha visita a Arbo, onde comprobou o remate da obras executadas na EP-5201 para mellorar os accesos á igrexa de San Sebastián de Cabeiras cun investimento de preto de 400.000 euros financiados ao 100 % pola Deputación. “Non hai mellor maneira de comezar o ano que cunha actuación nun treito dunha estrada provincial que era tan necesario e demandado e que foi un acerto”, afirmou o mandatario provincial despois de percorrer un treito desta estrada acompañado polo rexedor Horacio Gil e a deputada de Infraestruturas, Belén Cachafeiro.
A obra centrouse nun treito de case 300 metros na contorna da igrexa e consistiu na reposición do firme, na construción de beirarrúas e unha zona de convivencia segura entre peóns e vehículos, na renovación e soterramento dos servizos, na colocación de nova iluminación, mobiliario urbano e sinalización vertical e horizontal. Así mesmo, con esta intervención mellórase a seguridade viaria tanto para peóns como condutores, pois serviu para transformar unha estrada estreita de dous carrís e dobre sentido de circulación, nunha vía máis ampla e de sentido único. Un proxecto adxudicado por uns 380.000€ que financiou a Deputación na súa totalidade ao cubrir con fondos do Plan +Provincia os 80.000€ que lle correspondía achegar ao Concello.
Investimento de récord na rede de estradas provinciais
Unha obra que xa é unha realidade menos dun ano despois da adxudicación do contrato e que demostra o compromiso da Deputación pola modernización da rede de estradas provinciais, pola mellora da seguridade viaria e por unha mobilidade sustentable, favorecendo os desprazamentos a pé e seguros. “Quero dar os parabéns ao alcalde porque ter ao outro lado da mesa un rexedor como Horacio, que fai que un proxecto complexo sexa moi doado”, afirmou o dirixente provincial, quen tamén recoñeceu o “acerto” do goberno local por formular este proxecto e ter a capacidade de buscar financiamento.
O compromiso da Deputación coa mellora das estradas provinciais dá un paso adiante neste 2026, un servizo para o que o goberno de Luis López reserva unha partida de case 40M€, uns 16M€ máis do orzamentado no 2025. “Este vai ser o ano no que máis imos investir en arranxo de estradas”, concluíu o presidente tendendo a man da colaboración aos 61 concellos da provincia.
