Luis López asina coa alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, o convenio para a mellora e ampliación da piscina cunha achega da Deputación de 1,25M€
O presidente provincial recibe á rexedora no Pazo Provincial para selar un acordo no que a Deputación combina os recursos do Plan Extra e +Provincia para financiar o 80 % dunha obra que mellorará as instalacións deportivas do municipio
07/10/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, asina coa alcaldesa de Cangas de Ponteareas, Nava Castro, o convenio para a mellora da eficiencia enerxética da envolvente e ampliación do edificio da piscina e da sala de fitness. Un proxecto enmarcado na segunda convocatoria do Plan Provincia Extraordinaria – Plan Extra, un programa que reparte 35 millóns de euros entre 57 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia que resultaron beneficiarios nesta segunda entrega do Plan Extra. No Pazo provincial, López e Castro selaron un acordo a través do cal o organismo provincial achega 1,1M€ a través do Plan Extra e 140.000€ a través do +Provincia para financiar case o 80% dunha obra valorada en máis de 1,57M€, dos que o Concello achega o 20 % restante, 326.250 euros. Unha inxección de fondos provinciais que contribúe á transformación dos espazos públicos nos concellos da provincia.
O proxecto consiste na ampliación da planta de acceso coa finalidade de facer un edificio totalmente accesible. As características construtivas para a ampliación inclúen o movemento de terras, cimentación, construción de novas infraestruturas en madeira e formigón, instalación de cubertas, peches e carpintería exterior. Mentres que para as divisións interiores recorrerase a acabados cerámicos, así como unha nova instalación para as redes de saneamento, fontanería, climatización, electricidade, telecomunicacións e audiovisuais. Do mesmo xeito, a cuberta terá unha nova envolvente para mellorar a eficiencia enerxética.
A sinatura deste acordo supón un novo paso adiante na colaboración da Deputación co Concello de Ponteareas, onde tamén están en marcha proxectos dirixidos á mellora doutras instalacións deportivas de titularidade municipal, así como aos servizos, as infraestruturas viarias, a transformación do espazo público e a reforma de toda clase de infraestruturas.
