Luis López celebra a acollida dunha nova etapa de LaVuelta na provincia que reforza a alianza das Rías Baixas co deporte, co turismo e coa igualdade
O presidente da Deputación acompaña o pelotón na saída e na chegada da etapa inaugural da categoría feminina desta carreira internacional que partiu desde Marín e rematou en Salvaterra de Miño, con paso polo Morrazo, Pazos de Borbén e Ponteareas
03/05/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, desfrutou este domingo dunha xornada de ciclismo do máis alto nivel ao asistir á saída e á meta da etapa inaugural da categoría feminina de LaVuelta cun percorrido entre Marín e Salvaterra de Miño que confirma ás Rías Baixas como un territorio amigo do ciclismo a “a provincia do deporte”.
O mandatario provincial participou no protocolario acto de corte de cinta na Alameda de Marín, no que tamén participou a alcaldesa e deputada provincial María Ramallo, co que se deu a saída á primeira etapa dunha carreira que celebra este ano a súa oitava edición e que consta de sete etapas. Desde a vila morracense, o pelotón completou un percorrido de 113 quilómetros cara Salvaterra de Miño con paso polos concellos de Cangas de Morrazo, Moaña, Pazos de Borbén e Ponteareas, un percorrido que levou ás ciclistas a subir dous portos de terceira categoría como son o Alto do Cruceiro e o Alto da Portela. Xa na liña de meta, o mandatario provincial foi un dos encargados de entregar os trofeos ás triunfadoras da etapa.
“Pontevedra é a provincia amiga de LaVuelta, do ciclismo e do turismo deportivo”, reafirmou o presidente Luis López, quen ve na acollida desta clase de eventos de ámbito internacional unha oportunidade para afondar na estratexia de promoción do destino turístico Rías Baixas que este ano está centrada no turismo deportivo, co que a Deputación busca avanzar na internacionalización, descentralización, desestacionalización e na sustentabilidade do turismo.