Luis López fai balance do impacto das Rías Baixas en Fitur: “O deporte é un trampolín ideal para avanzar polo camiño da calidade, a internacionalización e a sustentabilidade”
O presidente da Deputación salienta a importancia de promocionar todos os recunchos da provincia nunha feira de impacto mundial como Fitur, que facilita a captación de novos fluxos turísticos e establecer contactos con operadores doutros países
23/01/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, fai balance da intensa actividade do organismo provincial ao longo de dúas xornadas de presentacións e encontros na Feira Internacional de Turismo de Madrid, onde as Rías Baixas volveron demostrar o interese que xeran, tanto por parte dos profesionais do sector como polos propios visitantes, fóra do territorio provincial. “A presentación da campaña ‘A túa meta, o teu destino’ foi o acto central da nosa axenda e a acollida non puido ser mellor porque o stand de Galicia, ao que tomamos a decisión de regresar en canto tomamos posesión do goberno, encheuse de persoas e profesionais moi interesados na nosa proposta, o que demostra que o interese polas Rías Baixas fóra do noso territorio é enorme, que a proposta de turismo deportivo capta o interese do sector e que a presentación da nosa campaña é un dos eventos máis agardados do stand de Galicia e mesmo de Fitur”, salientou o mandatario provincial pouco despois de regresar de Madrid.
Con todo, a presencia da Deputación nunha das feiras turísticas máis importantes do mundo foi máis aló da presentación da campaña de turismo das Rías Baixas. “Aproveitamos para dar a coñecer a situación privilexiada das Rías Baixas como escenario do eclipse solar, divulgar as propostas especiais de zonas como o Deza, o Condado ou o Baixo Miño e establecemos contactos cos colectivos profesionais do sector tanto de Galicia como de fóra para fortalecer o posicionamento das Rïas Baixas”, enumerou o presidente. Así mesm, fixo unha mención especial ao encontro co público chinés que tivo lugar na tarde do pasado mércores nun acto organizado pola Mancomunidade do Salnés no que participou o embaixador de China en Madrid e que serviu para estreitar as relacións turísticas e comerciais entre as Rías Baixas e o país asiático.
Conclúe o presidente Luis López que a presenza das Rías Baixas en Fitur confirma que “imos polo bo camiño, que as Rías Baixas ten marxe para seguir crecendo con criterios de sustentabilidade, descentralización e desestacionalización; e que o deporte é un trampolín ideal para avanzar polo camiño da calidade, a internacionalización e a sustentabilidade”.
