Luis López comproba como o bus gratuíto de Liña Conecta Rural da Deputación afronta o reto demográfico “con feitos” desde os concellos de Moraña, Portas e O Campo Lameiro

Luis López comproba como o bus gratuíto de Liña Conecta Rural da Deputación afronta o reto demográfico “con feitos” desde os concellos de Moraña, Portas e O Campo Lameiro

29/04/2026

A Deputación ultima os días para solicitar as dúas liñas de axudas para o fomento do turismo, que ascenden a 180.000 €

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, celebra a boa acollida que está a ter a Liña Conecta Rural, un servizo “pioneiro” posto en marcha polo goberno provincial en tres concellos rurais e de reto demográfico da contorna de Pontevedra, Portas, Moraña e O Campo Lameiro; para ofrecer á veciñanza un medio de transporte diario, con varias frecuencias, paradas en todos os núcleos de poboación destes municipios e gratuíto para desprazarse ata a cabeceira dos concellos ou á capital da provincia. O mandatario provincial completou o traxecto entre Portas e Pontevedra acompañado polos alcaldes Ricardo Martínez (Portas), Carlos Costa (O Campo Lameiro) e José Luís Gómez (Moraña); para informar de que nos 15 días que leva o servizo en funcionamento xa son preto de 300 usuarios os que fan uso destes autobuses, arredor de 150 en cada liña, o que confirma que a posta en marcha deste servizo “foi un acerto”.

Este programa valorado entre as 100 mellores propostas de España dispón dun orzamento de 478.000€, para o que a administración provincial conseguiu unha subvención de medio millón de euros. A Deputación asume o financiamento e organización do servizo e recibe a colaboración da Xunta e destes tres concellos para deseñar os itinerarios. Estreado o pasado 13 de abril con viaxes de luns a venres e de xeito gratuíto para todos os usuarios, o servizo está composto por dúas liñas de autobús: unha desde Portas e outra desde O Campo Lameiro e Moraña que levan aos usuarios desde os seus núcleos de poboación ata á cabeceira do seu concello ou ata Pontevedra con paradas no Hospital Montecelo, os Xulgados da Parda ou o barrio de Campolongo, onde están os edificios administrativos da Xunta.

“Hoxe metémonos de cheo no autobús para ver como funciona e vimos que foi un verdadeiro éxito. En quince días, contamos con case 300 usuarios, arredor de 150 en cada liña”, informou o presidente, quen tamén coñeceu as historias persoais que hai detrás deste servizo. “Coñecemos dous señores maiores que viñan facer unha proba ao Hospital de Montecelo e, con este autobús, evitan coller o coche co que iso conleva a nivel económico e de risco para a xente maior; e tamén a unha moza universitaria que ven á universidade 3 días á semana e fai o traxecto de volta. Todo isto gratuíto”, subliñou López.

Este proxecto piloto estará vixente ata o primeiro trimestre do vindeiro ano 2027 e, segundo o presidente provincial, “é unha maneira de afrontar o reto demográfico con feitos. A xente o usa para ir á farmacia, ao médico ou vir á capital da provincia. Buscamos proporcionar servizos aos concellos do rural para que, vivan onde vivan, os veciños poidan ter acceso a eles”, concluíu o dirixente, quen felicitou tamén aos tres alcaldes e á Xunta de Galicia pola súa participación neste acordo a cinco bandas. “Parabéns porque isto é mellorar a calidade de vida”, concluíu Luis López.

Itinerarios

Desde o Concello de O Campo Lameiro, que conta con sete paradas, prográmanse tres expedicións en sentido de ida con horarios de saída ás 08.15, 11.40 e 15.10 horas, así como tres expedicións de volta con saídas ás 07.35, 11.00 e 14.30 horas. Un autobús que pasa tamén polo Concello de Moraña, que conta con cinco paradas, nos horarios das 6.30, 10.00 e 13.30 horas, mentres que o retorno está fixado para as 09.05, 12.30 e 16.00 horas. Por outro lado, a liña de Portas dispón de 13 paradas, con partidas cara Pontevedra ás 7.15, 9.30, 11.30 e 13.30 horas, mentres que os servizos de regreso están programados para as 08.15, 10.30, 12.30 e 14.30 horas. En Pontevedra, os autobuses pararán en Montecelo, A Parda e Campolongo. A información actualizada sobre os servizos estará dispoñible para a súa consulta no portal web www.bus.gal.

Ligazóns de interese

Galerias de imaxes

audios