Luis López denuncia a falta de alternativas para os viaxeiros afectados polo colapso do transporte ferroviario na provincia por parte do Ministerio de Transporte

O presidente esixe explicacións ao Goberno central pola cancelación de preto de medio centenar de rutas e pola decisión de non ofrecer alternativas aos afectados

06/02/2026

Luis López

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, denuncia a falta de resposta e alternativas por parte de Renfe e o Ministerio de Transportes para ofrecer alternativas aos viaxeiros afectados polo preto de medio centenar de cancelacións de rutas ferroviarias no conxunto da provincia entre as xornadas deste xoves e venres. O mandatario provincial comprende os problemas que está a ocasionar o tren de borrascas, pero cualifica a situación como “un feito grave”, esixe “explicacións” aos responsables e considera “inxustificable” a decisión de non artellar alternativas a través doutro medio de transporte para os afectados.

“A práctica parálise total do tren na provincia é de por si un feito grave, que obriga a dar cumpridas explicacións de inmediato por parte dos voceiros do Goberno e dos responsables de Transportes, por máis que estea motivado polo tren de borrascas. Pero o que é inxustificable é que o Goberno central non artellara ningunha alternativa para que centos de pasaxeiros puideran chegar aos seus destinos, malia todos os imprevistos”, declarou López.

Neste sentido, o máximo responsable do goberno provincial fixo referencia a unha recente cita do ministro de Transportes que contrasta coa realidade do ferrocarril e o resto de infraestruturas dependentes do Ministerio na provincia. “Óscar Puente dixo que o tren vive en España o mellor momento da súa historia. Sabiamos que era incapaz de xestionar a realidade das infraestruturas en España. Pero se cadra o problema é que non vive na realidade de milleiros de usuarios que cando van empregar infraestruturas da súa competencia non saben con que incidencia se poden atopar, xa sexa na rede de estradas nacionais, nas autoestradas, no tren ou nos aeroportos. Non hai chascarrillo nin tuit que soporte tanta incapacidade”, lamentou o presidente.

videos

audios