Luis López completa a entrega dos informes da Oficina de Transformación Comunitaria aos concellos para implantar sistemas enerxéticos sustentables e eficientes na provincia
O presidente da Deputación, acompañado polo deputado de Acción Comunitaria, Javier Tourís, reúnese con alcaldes e edís de once concellos da provincia para explicarlles o potencial do programa +Renovables para a creación de comunidades enerxéticas
28/01/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, entrega a alcaldes de once concellos da provincia os derradeiros informes elaborados pola Oficina de Transformación Comunitaria para a implantación de novos sistemas de produción e consumo de enerxía sustentables e máis eficientes no ámbito local de acordo coas particulares condicións territoriais e estruturais de cada municipio. Trátase dun proxecto posto en marcha hai case dous anos e deseñado para os 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia enmarcado no proxecto +Renovables, do servizo provincial de Acción Comunitaria. “Hoxe entregamos os estudos do potencial enerxético aos once concellos da provincia que faltaban por recibilos. Supoñen unha ferramenta fundamental para a planificación enerxética de cada concello, porque cada un ten o seu potencial que pode ten que ver coa enerxía solar, eólica ou o biogás”, resumiu o mandatario provincial o sentido dunha convocatoria na que tamén participou o deputado de Acción Comunitaria, Javier Tourís, quen se encargou de explicar aos asistentes os obxectivos deste proxecto.
No Pazo provincial déronse cita alcaldes, concelleiros e técnicos de once concellos de distintas comarcas da provincia. Os representantes de A Guarda, Nigrán, Mos, Ponteareas, Catoira, Pontecesures, A Cañiza, Covelo, Mondariz-Balneario e Pazos de Borbén recibiron as explicacións por parte dos técnicos das conclusións dun informe que consta de dous apartados: un no que contextualiza o potencial de cada unha das enerxías renovables para cada municipio e outro cun estudo de viabilidade para o desenvolvemento de plantas fotovoltaicas en edificios públicos. Cómpre lembrar que este proxecto impulsado pola Deputación dispón dun orzamento de 750.000 euros e conseguiu fondos europeos por un importe de 500.000 euros. Ademais desde a posta en marcha do proxecto son máis de cen as reunións, estudos e asesoramentos realizados tanto con concellos como con outras entidades que está a materializarse na constitución de varias comunidades enerxéticas en distintos puntos da provincia.
Este encontro non marca o final do camiño para a Deputación. Unha vez entregados os informes, o organismo provincial seguirá ao carón dos concellos para achegar coñecemento, asesoramento e coordinación aos para as implantacións para que estes novos modelos de produción e consumo de enerxía máis sustentable, xusto e integrado no territorio poidan pasar do papel ao terreo canto antes e da mellor maneira posible. “Demóstrase que esta iniciativa foi todo un acerto. Porque conseguimos medio millón de euros de fondos europeos e espertamos un interese moi elevado por parte dos concellos. De feito realizamos máis dun cento de reunións e asesoramentos que nos está a permitir avanzar na transformación enerxética desde o local”, declarou o presidente Luis López, quen informou que xa son sete as comunidades enerxéticas constituídas actualmente na provincia.
Neste sentido, lembrou o dirixente provincial que a Oficina de Transformación Comunitaria non é o único proxecto posto en marcha en materia de mellora enerxética nos concellos. O goberno provincial está a promover tamén a instalación de aerotermia en As Neves e Catoira cun orzamento de 121.000€, a renovación do alumeado público en dezaoito concellos por 2,6M€; a colocación de placas solares en cinco concellos valorada en 160.000 euros, as instalacións xeotérmicas implantadas na Cañiza e na Illa de Arousa por valor de 410.000 euros ou “a instalación de placas solares en 38 concellos da provincia cun orzamento de 4,2M€”, enumerou o dirixente, antes de amosar o agradecemento aos concellos pola súa participación nesta iniciativa e convidar aos municipios e resto de entidades a que se sumen ao proxecto da Oficina de Transformación Comunitaria da Deputación.