Luis López e Luisa Sánchez informan dun novo evento deportivo internacional que acollerá a provincia: o partido de balonmán entre España e Portugal da EHF Euro Cup

Os dirixentes provinciais anuncian que o Ifevi será escenario o vindeiro día 8 de novembro a partir das 18 horas dun encontro oficial entre dúas das grandes potencias do balonmán continental na súa preparación cara o Campionato de Europa do 2028

19/10/2026

Luis López e Luisa Sánchez informan dun novo evento deportivo internacional que acollerá a provincia: o partido de balonmán entre España e Portugal da EHF Euro Cup

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e a vicepresidenta Luisa Sánchez veñen de presentar este luns un novo evento deportivo de ámbito internacional que acollerá a provincia do deporte. Trátase do encontro entre as seleccións absolutas masculinas de balonmán de España e Portugal que terá lugar no Ifevi, en Vigo, o vindeiro domingo 8 de novembro ás 18 horas. Un encontro oficial correspondente á EHF Euro Cup que consolida á Rías Baixas como “unha provincia amiga do balonmán”.

A presentación oficial do partido entre as seleccións nacionais de España e Portugal tivo lugar esta mañá na Sede de Vigo da Deputación nun acto no que participaron, ademais do presidente Luis López, a vicepresidenta Luisa Sánchez e o presidente da Federación Galega de Balonmán, Bruno López. O encontro, que se disputará nunha cancha instalada para a ocasión no recinto feiral vigués, servirá para ofrecer áos amantes do balonmán un duelo entre dúas das mellores seleccións do continente. A EHF Euro Cup é unha competición na que participan os países organizadores da vindeira Eurocopa (España, Portugal e Suíza) e Dinamarca, como vixente gañadora da máxima competición europea de seleccións. Catro combinados nacionais que xa teñen asegurado o seu billete para o Vindeiro Campionato de Europa masculino de 2028.

“Dentro de ser a Provincia do Deporte, somos a provincia do balonmán. Por calidade e por cantidade e desde a base, desde o local, a elite ou o internacional”, afirmou o dirixente provincial antes de lembrar que hai menos dun mes a principal cidade de Galicia xa fora escenario dunha competición que trouxo á provincia aos mellores equipos masculinos e femininos do balonmán español e portugués, a Supercopa Ibérica; e que, hai dous anos, as seleccións absolutas masculina e feminina xa disputaran dous encontros oficiais no Porriño e Lalín.

As entradas deste encontro poderán adquirirse na páxina web oficial da Federación Galega de balonmán, organizadora do partido coa colaboración da Deputación, e os prezos van desde os 5 ata os 16 euros, agás para o menores de 6 anos, que poderán entrar gratis.

De dar a benvida aos representantes das federacións españolas e portuguesas, así como ao dirixente da galega e aos amantes deste deporte na provincia encargouse a vicepresidenta Luisa Sánchez. “Existe unha alianza entre a Deputación e a Federación Galega da Balonmán, unha alianza activa, duradeira e que está a dar froitos. Traballamos para que haxa eventos na nosa provincia e na nosa cidade”, subliñou a dirixente, de quen López salientou o seu entusiasmo polo deporte e o seu traballo para que Vigo destaque en todo os ámbitos.

Pola súa banda, o presidente provincial afondou na aposta estratéxica que está a desenvolver a Deputación a prol do deporte. “Cando chegamos á Deputación tiñamos claro que unha das nosas bandeiras ía ser o deporte. Emprendemos unha serie de accións centradas en catro piares: apoio a clubs e deportistas, a mellora das instalacións deportivas, a organización de eventos e o turismo deportivo. Ese catro piares nos converteron na provincia do deporte e, dentro diso, na provincia amiga do balonmán”, concluíu Luis López, convidando a todo os amantes deste deporte, sexa de dentro ou fóra da provincia, a achegarse o vindeiro 8 de novembro ao Ifevi para desfrutar do espectáculo.

.

Galerias de imaxes