Luis López presenta a terceira edición do +Música: case cen concertos, ata tres por concello, para seguir apoiando a lingua e a cultura por todos os recunchos da provincia

O presidente da Deputación, acompañado polo deputado Jorge Cubela, salienta a boa acollida dunha iniciativa que ofrece aos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia un catálogo con 286 artistas galegos, dos que 62 incorporáronse neste 2026

25/03/2026

Luis López presenta a terceira edición do +Música: case cen concertos, ata tres por concello, para seguir apoiando a lingua e a cultura por todos os recunchos da provincia

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, presenta a terceira edición do +Música, o programa provincial de apoio á programación musical nos concellos de menos de 50.000 habitantes e de impulso á música feita en Galicia que volve superar os seus propios récords cunha axenda confirmada de 93 concertos, 15 máis que na anterior entrega. O mandatario provincial vén de desvelar as novidades desta edición nun acto celebrado no Pazo provincial ao que asistiron representantes de distintos concellos da provincia, así como profesionais do sector musical galego. “Falar de reto demográfico non pode ser falar unicamente de infraestruturas, hai que afrontalo tamén desde a cultura. A veciñanza da provincia ten dereito a acceder á mellor cultura viva onde viva. Por iso apostamos por programas como +Música, levamos a alfombra vermella dos Mestre Mateo por vez primeira ao rural e programamos nos concellos as mellores obras de teatro e danza da man do +Escénicas”, declarou o dirixente nun acto no que tamén participou o deputado de Cultura, Jorge Cubela.

A terceira edición do programa +Música que impulsa a Deputación para levar a mellor música feita en Galicia por toda a provincia chega cargada de novidades. A principal céntrase no número de concertos programados, que este ano acada a cifra de 93 actuacións. Ademais, este ano cada concello pode programar un concerto máis con respecto ao ano 2025, ata un máximo de tres. Outro aspecto novidoso desta actuación é que o catálogo de artistas do +Música ampliouse nun 28 % coa incorporación de 62 novos nomes que eleva a nómina do +Música ata os 286 músicos. Esta terceira edición desenvolverase entre os meses de maio e decembro e, co prazo de presentación de peticións xa pechado, celebraranse nos 58 concellos beneficiarios —houbo un goberno local que non presentou solicitude– actuacións de 56 artistas e bandas galegas diferentes, das cales 24 debutarán este ano no circuíto. “O +Música non só é atractivo para a veciñanza e os concellos, tamén para grupos de música galegos de todos os estilos e xeracións”, salientou o dirixente provincial.

A Deputación de Pontevedra volve dotar este programa cultural cun orzamento de 700.000 euros que servirá para financiar integramente o caché dos artistas, polo que os concellos só terán que asumir os custos de organización da actuación. “Trátase dunha iniciativa deste goberno para programar concertos nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia, dunha ferramenta que impulsa ao sector musical de Galicia e dunha proposta para que a veciñanza da provincia, viva onde viva, poida desfrutar da mellor música feita en Galicia”, remarcou López.

O encargado de levantar o pano desta nova edición do +Música foi o deputado de Cultura, Jorge Cubela, quen se encargou de dar a benvida a todos os asistentes á presentación. “Sabemos da importancia deste circuíto para os concellos, co que grandes artistas poderán chegar a todos os recunchos da provincia”, destacou o deputado. A Deputación convidou ao Pazo provincial a representantes de todas as partes que se benefician deste programa cultural. No exterior do Pazo provincial puideron desfrutar da música de 9Louro, unha das bandas emerxentes do panorama musical galego que forma parte do catálogo de +Música xuntou a outros nomes propios; alcaldes, concelleiros e técnicos de concellos de toda a provincia, así como representantes do ámbito da producción, realización e programación de eventos musicais de toda Galicia. Neste sentido, a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, puxo en valor a axuda económica, a axilidade para programar e oportunidade de facelo con antelación que a Deputación pon a disposición dos concellos a través do +Música.

“Convidamos a todo o mundo a que desfrute destes concertos. Xa sabedes: as Rías Baixas sonan a música en galego”, rematou o presidente Luis López.

Galerias de imaxes

audios