Luis López enxalza a aposta de Lalín polo astroturismo na presentación da programación cultural que dinamizará a xornada da eclipse deste 12 de agosto
A Deputación colabora co Concello de Lalín financiando o concerto que ofrecerá a banda Fillas de Cassandra no Altar do Sol (Alperiz) a partir das 22:00 horas
05/08/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, puxo en valor o Concello de Lalín como “un dos quilómetro cero da eclipse” durante a presentación da programación cultural que porá en marcha o concello na xornada do 12 de agosto, coincidindo co fenómeno astronómico. Desde o Altar do Sol (Alperiz), e acompañado polo alcalde José Crespo e a directora de Turismo da Deputación, Romina Fernández, o presidente agradeceu “que cando anunciamos o que iamos facer respecto á eclipse, no marco do proxecto Baixo o Ceo das Rías Baixas, o alcalde chamase ao momento por teléfono para trasladarnos toda a choiva de ideas que tiña para realizar en torno a esta eclipse”.
Froito dese interese e da súa adhesión ao produto impulsado pola Deputación, Luis López informou da colaboración provincial coas actividades que impulsa Lalín co gallo da primeira das tres eclipses do horizonte 2026-2028. A Deputación de Pontevedra porá “o seu gran de area para implicarnos nesta gran programación que fixo o Concello de Lalín”, que converterá o fenómeno do 12 de agosto nunha celebración que levará a Alperiz máis de sete horas de cultura, patrimonio e ocio, financiando o concerto que ofrecerán Fillas de Cassandra no Altor do Sol a partir das 22:00 horas.
O presidente da Deputación asegurou que “o próximo mércores todos os ollos estarán postos sobre o noso ceo, e moitas desas miradas farano desde aquí, desde Lalín”, un concello que é ademais un dos tres destinos Starlight da provincia, xunto coas Illas Atlánticas e o ceo de Fornelos de Montes e Oia. Luis López lembrou que o produto turístico Baixo o Ceo das Rías Baixas naceu en 2023 tras detectar a oportunidade de actuar no astroturismo á hora de elaborar a Estratexias Rías Baixas 61 para o horizonte 2023-2030, “e será un produto estable onde terá especial presenza o interior da provincia para impulsar esta zona”, co fin de “atraer novos públicos, potenciar o rural e prolongar a estadía dos visitantes para que nos coñezan dun xeito diferente”
Unha aposta estratéxica polo astroturismo
O presidente Luis López sinalou as actuacións que se están levando a cabo baixo o paraugas de Baixo o Ceo das Rías Baixas, un produto experiencial e divulgativo que impulsa a sostibilidade do destino Rías Baixas e a diversificación da súa oferta. En colaboración cos concellos adheridos, establecéronse puntos de observación, promovéronse quedadas de observación e distribuíuse material informativo entre as oficinas da Rede INFO RÍASBAIXAS e aloxamentos hostaleiros. Tamén se organizaron xornadas formativas para o sector e para técnicos municipais xunto coa Fundación CEO da Universidade de Vigo, e o día da eclipse celebrarase unha actividade no Castelo de Soutomaior, unha Cata con Historia para gozar da eclipse e dos mellores viños da D.O. Rías Baixas, “que esgotou as prazas en minutos”.
Ademais, o presidente lembrou que a Deputación está a avanzar “para que os Castelos de Soutomaior e Sobroso poidan ter a certificación Starlight”. A Deputación tamén repartiu a práctica totalidade dun lote de 30.000 gafas homologadas para o visionado seguro da eclipse entre os concellos adheridos e as oficinas turísticas da Deputación.
Esta aposta, lembrou Luis López, “non remata o 12 de agosto, e non só pola continuidade das eclipses ata 2028: queremos converter o astroturismo nunha oferta turística estable e a longo prazo cunha especial presenza do interior da provincia”. Por iso “a Deputación implícase coa eclipse do 12 de agosto no conxunto da provincia e concretamente en Lalín, porque é un exemplo de como se fan as cousas: con decisión, con ambición e cunha proposta moi completa e moi atractiva para facer que a nosa provincia sexa un punto único onde observar un fenómeno histórico”.