Luis López anuncia a adxudicación das obras de mellora da seguridade de catro estradas provinciais en Campo Lameiro por máis de medio millón de euros
As obras permitirán repoñer o firme, adecuar as marxes, mellorar a drenaxe e executar cunetas e redutores da velocidade na EP-8301, a EP-8302, a EP-8303 e a EP-8304
27/02/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, informou este venres de que a Xunta de Goberno provincial aprobou esta semana a adxudicación das obras de mellora da seguridade viaria en catro estradas provinciais en Campo Lameiro. A actuación, adxudicada a Construcciones E.C. Casa, S.L., terá unha dotación de 554.000 euros.
As obras afectan a EP-8301 O Couso-Armonda, EP-8302 O Couso-Agueiros, EP-8303 Igrexa de Fragas e EP-8304 Moimenta-Armonda. A través destes recursos provinciais, adecuaranse as marxes, mellorarase a drenaxe, disporanse novas barreiras de seguridade, executaranse cunetas e redutores físicos da velocidade, mellorarase a sinalización e reporase o firme destas infraestruturas.
2,7 millóns de euros para as estradas provinciais na Xunta de Goberno
Este impulso á mellora das infraestruturas viarias de Campo Lameiro forma parte dun paquete de medidas aprobado na sesión da Xunta de Goberno desta semana por un valor total de 2,7 millóns de euros para actuar en estradas provinciais dos concellos de Campo Lameiro, Moraña e Silleda. “Unha semana máis contamos con máis e máis recursos para mellorar a nosa rede de estradas provinciais e para avanzar na seguridade dunhas infraestruturas imprescindibles e que deben estar nas mellores condicións”, sinalou Luis López.
