Luisa Sánchez supervisa as obras de construción do novo ascensor da rúa Juan Ramón Jiménez, que quedarán rematadas nas próximas semanas
Os traballos, que encaran a súa recta final, avanzan coa colocación dos vidros que recobren a estrutura do elevador e coa renovación das beirarrúas en Conde de Torrecedeira
04/03/2026
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, vén de supervisar as obras de construción do ascensor da rúa Juan Ramón Jiménez, que permitirá salvar un desnivel de once metros entre Marqués de Valterra e Conde de Torrecedeira. Segundo avanzou a representante provincial, os traballos encaran a súa recta final e rematarán “nas próximas semanas”.
Nestes momentos, os labores pasan pola colocación dos vidros que recobren a estrutura e que imprimirán unha estética acristalada ao ascensor panorámico. Por outra banda, a adxudicataria das obras está a espera de recibir a cabina e o motor para poder instalalos de xeito inmediato e posteriormente acometer as preceptivas probas de seguridade.
Ademais, avanza na renovación das beirarrúas en Conde de Torrecedeira e está pendente o acondicionamento da contorna en Marqués de Valterra. A actuación inclúe unha pasarela na parte alta e o cambio de redes pluviais, alumeado e mobiliario urbano.
Cun orzamento de cerca de 1,15 millóns de euros, a Deputación de Pontevedra destina 759.325 euros a esta mellora. Este importe representa o 66% do total. Mentres, o Concello de Vigo completa o presuposto con 389.232 euros. Así o recolle o convenio asinado polas dúas administracións para desenvolver unha actuación que mellorará a mobilidade e a accesibilidade da veciñanza do barrio de Torrecedeira.
“Estamos ante unha actuación que transformará a vida cotiá das persoas que transitan a diario por esta zona. Investir en mobilidade e accesibilidade é investir en calidade de vida”, valorou Luisa Sánchez. Igualmente, salientou que esta “optimización dos desprazamentos peonís contribúe a facer de Vigo unha cidade máis amable”.
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra tamén destacou que esta intervención xurde da colaboración institucional. “Cando as administracións traballamos xuntas, os resultados chegan e se traducen en melloras reais para a xente”, engadiu.
Máis de 47 millóns comprometidos para Vigo
A representante provincial destacou que, desde que tomou posesión do seu cargo hai case dous anos, a Deputación de Pontevedra comprometeu para Vigo investimentos que superan os 47 millóns de euros. “Nunca antes a institución provincial destinou tantos recursos á cidade en tan pouco tempo. Vigo é unha prioridade e iso reflíctese nestas actuacións e en todas as que temos en marcha”, asegurou.
Ademais da instalación deste ascensor na rúa Juan Ramón Jiménez, nestes momentos atópanse en plena execución a reforma da bancada de Gol no Estadio de Balaídos, a reforma da piscina de Teis, a construción de beirarrúas na Avenida Clara Campoamor, a renovación da rúa Pintor Colmeiro con ramplas mecánicas e a humanización da rúa San Roque.
No mes de febreiro remataron a substitución da cuberta da Pista Vermella do Pavillón das Travesas, a reconstrución do muro de contención do Parque Nelson Mandela de Navia e a creación dun muro perimetral no campo de fútbol de As Relfas.
Proximamente comezarán as obras do parque de xogos en Finca Matías. Así mesmo, a recuperación do Teatro Cine Fraga será abordada neste ano 2026. Amais, a institución provincial ten outros 5 millóns de euros reservados no seu orzamento para asinar un novo convenio co Concello de Vigo durante o actual exercicio. “Seguiremos financiando proxectos que transformen a cidade nun espazo máis cómodo e agradable”, concluíu a vicepresidenta.
