A Deputación celebra a súa xornada para as familias de Pontevedra con propostas de lecer e aprendizaxe

O presidente e o vicepresidente da Deputación, Luis López e Rafa Domínguez, asistiron ao segundo encontro do programa +Convivir Peques onde a rapazada puido gozar do inchable máis grande de España, accións de animación, unha merenda e actividades coa colaboración da Policía Nacional e CEIDA

13/09/2025

Luis López e Rafa Domínguez

A Deputación de Pontevedra celebrou este sábado o segundo encontro do programa +Convivir Peques cun grande éxito de convocatoria e a asistencia de centos de rapazas e rapaces que gozaron das actividades organizadas pola institución provincial. O presidente Luis López e o vicepresidente Rafa Domínguez asistiron a esta xornada para as familias, que contou con diversas propostas de animación, música, unha merenda, inchables e tamén charlas que contaron coa colaboración do departamento de Participación Cidadá de Pontevedra, da Policía Nacional de Vilagarcía de Arousa e CEIDA.

O vicepresidente provincial agradeceu as familias da cidade e da contorna que se achegaran a participar nesta segunda sesión de +Convivir Peques, que cualificou como “unha auténtica festa coa que queremos contribuír a estreitar aínda máis os lazos interxeracionais con actividades que lles permiten pasar tempo de calidade xuntos, que é algo do que desgraciadamente non sempre podemos dispoñer por mor das nosas obrigas”. Rafa Domínguez tamén puxo en valor o enfoque de +Convivir Peques, que combina “actividades educativas con outras de carácter lúdico, polo que é unha xornada moi completa da que saír máis relaxados e felices e coa satisfacción de aprender a que o mundo sexa un lugar mellor e máis respectuoso entre nós e coa nosa contorna”.

As actividades comezaron ás 16:30 horas cunha charla aberta á veciñanza da cidade, “Navega con seguridade”, impartida polo departamento de Participación Cidadá de Pontevedra e a Policía Nacional de Vilagarcía de Arousa para concienciar sobre o uso seguro e correcto da Internet na infancia. A esta charla seguiulle unha actividade relacionada co medio natural e a reciclaxe a cargo de persoal de CEIDA. Ademais, a cativada puido gozar de inchables, entre eles o máis grande de España, e doutras actividades de animación a cargo do Mago Paco, co seu espectáculo “Hocus Pocus”. Como fin de festa, tiveron lugar unha sesión musical a cargo do DJ Jorge Álvarez e unha merenda.

+Convivir Peques sigue a estela de +Convivir, o programa que naceu para unir a veciñanza da provincia cunha proposta de lecer, aprendizaxe e debate sobre cuestións que preocupan á sociedade. No caso de +Convivir Peques o obxectivo é que as familias, o núcleo básico da sociedade, sexan as protagonistas desta iniciativa provincial que ten previsto chegar a todas as comarcas tralo seu paso por Vilagarcía de Arousa, onde se estreou o pasado maio, e agora pola capital da provincia.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.