A Deputación leva este venres a Nigrán o programa provincial +Música cunha actuación de De Vacas

O grupo actuará no Palco de Esteiro da Foz, no Monte Lourido, ás 22:00 horas

12/08/2025

A Deputación de Pontevedra leva este venres 15 de agosto a Nigrán un concerto de De Vacas enmarcado na nova edición de +Música, o programa provincial que colabora cos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para apoiar a súa programación cultural e, con isto, difundir e fomentar a lingua e a cultura galegas. A actuación terá lugar no Palco de Esteiro da Foz, no Monte Lourido, ás 22:00 horas.

De Vacas desempoarán as súas mellores galas en Nigrán para homenaxear as divas do pop: Whitney Houston, Celine Dion, Mónica Naranjo, Britney Spears, Beyoncé... todas elas compañeiras de traballo, da vida e do amor, que acompañaron coas súas cancións momentos felices. As letras, o seu sinal de identidade, seguen na liña do compromiso co feminismo, o ecoloxismo ou a poesía. As harmonías de voces e guitarra marcan o carácter dun grupo que explotará a enerxía ao extremo no escenario.

O concerto de De Vacas é unha das 78 actuacións de +Música que se celebrarán entre os meses de maio e decembro nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. Este programa provincial ten un orzamento de 700.000 euros, 100.000 euros máis que na pasada edición, cos que a Deputación aboa os custos de caché dos espectáculos e impulsa a reputación de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel. A través de +Música, a institución provincial aposta pola descentralización da cultura e a programación de actos culturais de calidade.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 7 resultados.