Luisa Sánchez visita o taller de Sergio Portela para coñecer o molde da escultura que homenaxeará a Carlos Oroza en Vigo
A vicepresidenta provincial salienta que o deseño representa a “un home cos pés na terra e coa fronte alta, sabendo que era libre de dicir o que quixese”
11/11/2026
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, visitou o taller do escultor Sergio Portela para coñecer de primeira man o resultado do molde da escultura dedicada ao poeta Carlos Oroza, que se instalará en Vigo a principios de 2027. O deseño do artista galego representa ao escritor a tamaño natural e busca trasladar á linguaxe escultórica a súa maneira tan característica de percorrer as rúas da cidade.
Durante a visita, Luisa Sánchez puido comprobar o resultado do traballo desenvolvido por Portela, que vén de tallar unha peza de escaiola que recrea a un Carlos Oroza camiñante, descalzo, coas mans nas costas e coa mirada erguida. “Un home cos pés na terra e coa fronte alta sabendo que era libre de dicir o que quixese”, resumiu a vicepresidenta provincial.
Neste sentido, Portela remarcou que esa “conexión” dos pés de Oroza co chan “é unha expresión de liberdade”. Esa representación transmite, segundo o escultor, “o triunfo persoal de levar unha vida acorde ás súas reflexións, xa que el sentiu o orgullo de vivir como quixo”.
Pola súa banda, o presidente da Asociación Évame Oroza, Xabier Romero, enxalzou o “enorme esforzo” realizado por Portela para acadar un deseño “realista” e “coidado ata nos pequenos detalles”. “Non pode ser máis parecido”, sostivo.
En bronce sobre granito
Tras un mes e medio de traballo no taller do escultor, a obra afronta agora unha nova fase do proceso co seu traslado ao obradoiro de Cuqui Piñeiro, onde se realizará a fundición en bronce. A peza estará situada sobre unha base de granito galego e terá unha altura total aproximada de dous metros.
A futura estatua situarase nun espazo cedido pola Autoridade Portuaria de Vigo que aspira a converterse tamén en punto de encontro para a actividade cultural. A previsión é que o enclave poida acoller recitais poéticos, presentacións de libros e outras propostas arredor da creación literaria.
Luisa Sánchez fixo fincapé no “importante paso” que supón a obtención do molde de cara a que esta homenaxe se converta nunha realidade. “Carlos Oroza merece contar cun espazo propio na cidade, onde a súa figura e a súa obra poidan seguir presentes para os vigueses”, asegurou.
A iniciativa está impulsada pola Asociación Cultural Évame Oroza e conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia, que achegan cada unha un terzo do financiamento, mentres que a asociación asume o terzo restante mediante unha campaña de mecenado aberta á cidadanía.
