Luisa Sánchez convida a gozar do Festival Son e Mar, que encherá Vigo de música para todos os públicos durante seis días
A vicepresidenta da Deputación visita o montaxe no Peirao de Transatlánticos, que espera recibir 30.000 persoas “nun espazo aberto ao mar e no corazón da cidade”
03/09/2026
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, convidou a gozar do Festival Son e Mar, que “encherá Vigo de música para todos os públicos” ao longo de seis días de este mes de setembro. Durante unha visita á montaxe do evento no Peirao de Transatlánticos canda a delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz; o director de Xestión Comercial da Autoridade Portuaria de Vigo, David Castro, e o promotor musical José Patiño; a representante provincial na cidade celebrou a estrea deste novo ciclo de concertos no porto vigués.
Son e Mar ofrecerá seis xornadas musicais repartidas entre os días 4, 5, 10, 11, 12 e 13 de setembro, cunha programación temática que reúne ducias de artistas e “propostas transversais”. A entrada é de balde ata completar aforo en cinco das seis xornadas.
Ademais de valorar a achega cultural e de ocio desde novo festival, a vicepresidenta provincial destacou a singularidade do escenario no que se desenvolverán as actuacións. “Queremos que a xente goce da música nun espazo aberto ao mar e no corazón da cidade. Porque cando a música se atopa cunha contorna como esta, a experiencia transcende o concerto”, indicou.
“Sei que a cidade está valorando moito os concertos que se están programando no porto. Espero que todo o mundo goce ao máximo”, engadiu Luisa Sánchez, que puxo de releve a colaboración entre as diferentes institucións e os profesionais implicados na organización do certame para converter o Peirao de Transatlánticos nun punto de encontro para a música en directo en Vigo.
Pola súa banda, Ana Ortiz salientou a “variedade” do cartel, que ademais conta cun espazo propio para grupos galegos e vigueses. De feito, tres das xornadas están dedicadas en exclusiva á música local e da terra. Así mesmo, agradeceu á Autoridade Portuaria de Vigo a cesión do recinto. “Para a Xunta e a Deputación non é doado atopar espazos en Vigo para desenvolver este tipo de eventos”, recordou.
Finalmente, José Patiño avanzou que a organización agarda recibir en torno a 30.000 persoas durante os seis días de festival. Igualmente, celebrou a boa previsión meteorolóxica e afondou na ampla oferta do cartel. “Será unha viaxe musical por todas as idades. Vai ser un ciclo moi diverso, do que poderá gozar a xente nova e tamén a xente que ten mocidade acumulada”, ironizou antes de agradecer o labor do equipo humano que traballa na montaxe.
A programación
A música comezará a sonar este venres con Nacidos para Bailar, unha noite dedicada aos grandes éxitos dos anos 90 e 2000, con Safri Duo, Rebeca, Sonia Madoc e os DJ vigueses Rob e Fernando Collazo. O sábado será a quenda de Aqueles Marabillosos 90, que reunirá a Amistades Peligrosas, Cómplices, Rafa Sánchez de La Unión e Tam Tam Go.
A programación continuará a seguinte semana. Os concertos retomaranse o xoves 10 con El Campus, orientado especialmente ao público universitario.
O venres 11 actuará Hard GZ en Lingua Urbana. O evento protagonizado por un dos maiores puntais da música galega actual, que xa sabe o que é encher o Movistar Arena, é o único de pago.
O sábado 12 chegará A Movida Viguesa, cun cartel que reunirá nomes fundamentais da historia musical da cidade como Golpes Bajos, Semen Up, Miguel Costas, Killer Barbies e Stoned at Pompeii.
O festival pechará o domingo 13 con Orballo Cultural, unha xornada dedicada á música galega contemporánea e de raíz con Budiño, De Ninghures, Ortiga e Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre.
