A Deputación leva este sábado a Meis e Valga o programa provincial +Música coas actuacións de Festicultores Troupe e The Crass

A Casa da Parga do Mosteiro (Meis) acollerá ás 20:30 horas o espectáculo de Festicultores Troupe e o concerto de The Crass terá lugar no Auditorio Municipal de Valga ás 19:30 horas

14/05/2026

A Deputación de Pontevedra leva este sábado 16 de maio un concerto de Festicultores Troupe a Meis e outro de The Crass a Valga, enmarcados na nova edición de +Música, o programa provincial para apoiar a programación cultural nos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia e difundir e fomentar a lingua e a cultura galegas. As actuacións terán lugar na Casa da Parga, no Mosteiro, ás 20:30 horas e no Auditorio Municipal de Valga, ás 19:30 horas, respectivamente.

Festicultores Troupe é unha banda con 17 anos de historia nos que teñen compartido escenario con artistas como Manu Chao, Radio Bemba, Sound System, Muchachito ou Macaco. No seu mítico carro amplificado remolcado por un motocultor, a agrupación converte cada festa na mellor pista de baile. Pola súa banda, The Crass presenta o seu novo traballo “Mushroom problem”, unha homenaxe á esencia musical das nacións Celtas. Co mesmo concepto creativo, o mesmo carácter  de sempre e cunha posta en escena renovada, interpreta un repertorio na súa maioría de obras de propia autoría, así como unha pequena selección de clásicos galegos adaptados ao estilo do grupo.

Estes concertos son dúas das 93 actuacións de +Música que se celebrarán entre os meses de maio e decembro en 58 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. Este programa ten un orzamento de 700.000 euros, cos que o organismo provincial aboa os custos de caché dos espectáculos e impulsa a reputación de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel. A través de +Música, a Deputación aposta pola descentralización da cultura e a programación de actos culturais de calidade por toda a xeografía provincial.