A Deputación lanza a primeira Oficina Técnica de Gobernanza Turística da provincia de Pontevedra para reforzar a coordinación co sector

O deputado de Turismo, Jesús Vázquez Almuiña, subliñou que se trata “dunha ferramenta para facilitar o diálogo, a información e o traballo conxunto co sector, de xeito que as políticas turísticas poidan construírse desde o coñecemento compartido e a corresponsabilidade”

10/03/2026

A Deputación de Pontevedra lanza a primeira Oficina Técnica de Gobernanza Turística da provincia de Pontevedra para reforzar a coordinación con este sector económico. Trátase, tal e como explicou o deputado de Turismo, Jesús Vázquez Almuíña, “dunha ferramenta para facilitar o diálogo, a información e o traballo conxunto co sector, de xeito que as políticas turísticas poidan construírse desde o coñecemento compartido e a corresponsabilidade”.

A Oficina Técnica de Gobernanza Turística, que entrou en funcionamento esta mesma semana e estará operativa no Palacete das Mendoza de Pontevedra, sede de Turismo Rías Baixas, xorde como espazo de referencia para o acompañamento e interlocución turística co sector e cos 61 concellos da provincia, así como unha ferramenta útil para detectar necesidades, canalizar propostas, mellorar a coordinación entre actores e contribuír ao desenvolvemento de iniciativas estratéxicas no destino. “Queremos -remarcou o deputado de Turismo- acadar un modelo de xestión turística máis eficaz, participativo e orientado a resultados, co fin de fortalecer a estrutura do destino, favorecendo un desenvolvemento equilibrado, innovador e de calidade, xerando valor para o territorio, para o tecido empresarial e para a cidadanía”.

Coa oficina, o organismo provincial reafirma o seu compromiso cun modelo de turismo sostible, competitivo e cohesionado, no que se considera a colaboración clave para afrontar os retos do turismo na provincia. Neste eido, a través desta nova ferramenta provincial vaise fortalecer a participación entre a administración pública e o sector turístico a través da cooperación público-privada, a escoita activa, a planificación compartida e a mellora continua. Para elo, contará cunha estrutura técnica estable que vai facilitar a relación co conxunto de axentes que forman parte do ecosistema turístico provincial, con dúas persoas técnicas do Servizo de Turismo que se encargarán da súa coordinación.