Luisa Sánchez salienta o dominio da técnica e a sensibilidade artística de Rosa Elvira Caamaño na inauguración da súa exposición en Vigo
17/10/2026
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, asistiu á inauguración da exposición da artista Rosa Elvira Caamaño no Espacio Beny de Vigo. A mostra, que poderá visitarse ata o vindeiro 15 de novembro nas Galerías Durán, na rúa do Príncipe, reúne unha selección de obras que permiten achegarse ao universo pictórico da creadora, no que conviven bodegóns, figuras e composicións florais, realizadas con diferentes técnicas e materiais. A representante provincial agradeceu esta nova proposta cultural na cidade e enxalzou o dominio da técnica pictórica e a sensibilidade artística da autora, quen agasallou a Luisa Sánchez cunha lámina dunha obra súa. Licenciada e doutora en Belas Artes pola Universidade Complutense de Madrid, Caamaño conta cunha ampla traxectoria artística, investigadora e docente, dado que foi profesora titular de Técnicas Pictóricas na Universidade de Vigo.