O Pleno da Deputación aproba as subvencións do segundo Plan Extra: 37M€ para executar proxectos estratéxicos en 57 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia
Os proxectos a financiar nestes concellos saíron adiante co voto favorable dos deputados de todos os grupos, agás seis do Grupo Socialista que optaron pola abstención
27/03/2026
O pleno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar este venres as bases e a concesión de subvencións da segunda convocatoria do Plan Provincia Extraordinaria - Plan Extra a través do cal repartirá preto de 37M€ entre 57 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para a execución de proxectos estratéxicos. Dous acordos que, xunto coa segunda modificación de crédito do ano, valorada en 4,6M€ para dotar ao Plan Extra de 1,7M€ adicionais para financiar as subvencións dos 57 concellos beneficiarios, saíron adiante por unanimidade, agás o punto relacionado coa aprobación das subvencións, no que seis deputados do PSOE optaron pola abstención mentres outros tres votaron a favor.
Unha sesión plenaria ordinaria correspondente ao mes de marzo que serviu tamén para aprobar co voto favorable do Grupo popular a primeira modificación de crédito do Consorcio Provincial para o Servizo contra Incendios e Salvamento por valor de case 500.000€ que se destinarán á mellora e ampliación do equipamento dos profesionais, o proxecto de cooperación transfronteiriza que lidera a Deputación para a protección de castiñeiros ante desafíos climáticos e biolóxicos que vén de conseguir fondos europeos e a prórroga de execución dos proxectos aprobados ao abeiro do PON2030.
Ademais, a corporación aceptou por unanimidade a senda FEDER para financiar o proxecto do “Plan de Actuación Integrado (PAI) Val MIñor, a cidade dos 15 minutos” valorado en 7,2M€, dos que o 60 & finánciase con fondos FEDER e o 40 % restante, 2,9M€ corre a cargo da Deputación. Con todo, nesta sesión tamén foron aprobados os convenios cos concellos de Baiona, Nigrán e Gondomar para a execución dos proxectos correspondentes a estes municipios e a través dos que os gobernos locais se comprometen a achegar a metade do orzamento, o que deixa o investimento total da Deputación no PAI do Val Miñor en 1,45M€.
No apartado de mocións saíu adiante cos votos favorables dos deputados do Grupo Popular a moción para reclamar ao Goberno central que adopte de inmediato medidas para evitar o impacto da suba dos custos enerxéticos no sector primario. Un acordo a través do cal a Deputación acorda instar ao Goberno de España que adopte de inmediato medidas extraordinarias para evitar o impacto do incremento de custes enerxéticos, derivado do conflito en Oriente Medio, que está a producirse nas actividades do sector primario galego: agricultura, gandería e pesca; solicitar axudas directas extraordinarias para agricultores, gandeiros e pescadores destinados a compensar o incremento do gasóleo agrario e pesqueiro, bonificacións ou reducións fiscais e liñas de financiamento preferente e avais públicos para explotacións agrarias, gandeiras e pesqueiras afectadas polo aumento de custos; e instar á Xunta de Galicia a complementar, no ámbito das súas competencias, estas medidas mediante apoios específicos destinados a garantir a viabilidade das explotacións agrarias, gandeiras e pesqueiras do sector primario galego. Tamén foi aproabada a proposta do Grupo Socialista relacionada co rexeitamento á guerra en Irán. Pola contra, foron rexeitadas outra moción do Grupo Socialista sobre os Plans de Sustentabilidade Turística en Destino das comarcas do Condado e a Paradanta e do Deza – Tabeirós – Terra de Montes, así como a do BNG relacionada cos parques eólicos da Serra da Groba.
A aprobación das bases do Plan Extra e da concesión das subvencións foi o acordo principal do pleno. Unha segunda convocatoria que repartirá 36,9M€ entre 57 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia despois da aprobación dunha modificación de crédito que inxecta 1,95M€ no orzamento para cubrir a totalidade das subvencións aprobadas. Todas as propostas presentadas á segunda convocatoria deste plan foron aprobadas agás dúas: a dos Concellos de Vilagarcía de Arousa e de Cambados. Este último por presentar un proxecto cun orzamento por debaixo do mínimo permitido e o primeiro por non emendar os extremos requiridos no prazo de 10 días hábiles, pois o proxecto presentado carecía da xustificación da non división en lotes; de incluír a definición do planeamento urbanístico afectado pola actuación; incluír a necesidade ou non de ocupación de terreos; da xustificación do cumprimento da declaración de impacto ambiental ou a súa non necesidade; a xustificación da normativa sectorial en materia de accesibilidade; de incluír a clasificación do contratista; de incluír a fórmula de revisión de prezos no caso de que sexa necesaria; de incluír o prazo de garantía; de incluír todos os planos de situación xerais, de conxunto e de detalle necesarios para que a obra quede completamente definida, así como o seu índice; de incluír os anexos preceptivos; e de incluír os cadros de prezos número 1 e número 2 polo que o proxecto enténdese como incompleto e inexecutable.
Outros acordos da sesión son as aprobacións dos proxectos técnicos da primeira convocatoria do Plan Extra dos concellos de A Guarda, A Cañiza, Baiona e Marín, así como o de O Porriño correspondente ao REACPON. Do mesmo xeito, foi aprobado de xeito inicial o proxecto construtivo da variante na EP-0503 ao seu paso por Moraña entre os puntos quilométricos 1+060 e 2+300 por valor de 1,6M€.
