Luis López reafirma a aposta da Deputación polos deportistas, os clubs e as infraestruturas para seguir construíndo “a provincia do deporte”
O mandatario provincial felicita aos deportistas galegos que participarán en Cataluña nos nacionais de categoría infantil, cadete e xuvenil por promover os valores do deporte e representar o deporte galego por todo o territorio
28/12/2025
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, participa en Silleda na presentación dos equipos das distintas categorías de base das seleccións galegas que participarán o vindeiro mes de xaneiro en Cataluña no Campionato de España de Seleccións Autonómicas. Un acto no que o mandatario provincial reafirmou o compromiso da Deputación co deporte a todos os niveis e puxo en valor o labor que realizan a diario os clubs, as familias e os deportistas que contribúen a facer de Pontevedra a provincia do deporte.
"O voso sacrificio valorámolo e recoñecémolo na Deputación cun apoio absoluto e incondicional. Para que adestrar nas mellores condicións posibles: impulsamos obras nos pavillóns dos vosos concellos. En tres anos, teremos investidos 20 millóns de euros; para que os clubs poidan participar en distintas competicións, ofrecemos axudas para organizar ou participar en competicións, así como para mercar vehículos; e para que ter cerca a referente, organizamos partidos como os da Seleccións Española masculina e feminina que celebramos en Lalín e no Porriño", resumiu Luis López facendo referencia a iniciativas do goberno provincial como o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas ou o programa DepoVan, que o vindeiro ano triplicará o seu orzamento para facilitar a adquisición de vehículos por parte dos clubs.
No Recinto Feiral de Silleda, nun acto promovido pola Federación Galega de Balonmán presentáronse os equipos masculinos e femininos de categoría infantil, cadete e xuvenil que participarán nestes campionatos de España que se celebrarán do 3 ao 8 de xaneiro nos concellos de Blanes, Mataró, Lloret de Mar, Calella, Pineda de Mar e Malgrat de Mar.
Con motivo do desprazamento da comitiva galega a Cataluña, o presidente provincial recalcou que o éxito non está nos resultados senón no traballo diario que realizan os deportistas, os clubs e as familias. "Para esta terra xa sodes auténticos gañadores porque sodes quen de compatibilizar o deporte cos estudos, porque tedes moi asimilada a importancia de levar hábitos de vida saudables e porque encarnades valores do deporte como: a constancia, o sacrificio, o xogo en equipo e o respecto polo rival. Por todo iso é polo que a provincia de Pontevedra está orgullosa de todas e todos vós", afirmou Luis López, quen reafirmou o compromiso da Deputación para que "os beneficios do deporte cheguen a todos os recunchos da súa provincia".
