A Deputación presenta en Covelo as liñas de axudas de Acción Comunitaria do 2026, das que en anos anteriores se beneficiaron nove entidades do concello con máis de 81.000 €

O deputado de Acción Comunitaria, Javier Tourís, deu a coñecer +Aqua, +Novaqua e Provincia Comunitaria, as tres liñas de axudas provinciais dirixidas a comunidades de augas e ao tecido asociativo que se poden solicitar ata o 1 de abril

26/02/2026

A Deputación presenta en Covelo as liñas de axudas de Acción Comunitaria do 2026, das que en anos anteriores se beneficiaron nove entidades do concello con máis de 81.000 €

A Deputación de Pontevedra deu a coñecer en Covelo as liñas de axudas provinciais de Acción Comunitaria para este 2026 dirixidas a comunidades de augas e ao tecido asociativo, das que en anos anteriores se beneficiaron nove entidades do concello con máis de 81.000 € e, no conxunto da provincia, arredor de mil colectivos entre os que se distribuíron 11,5 M€. O deputado de Acción Comunitaria, Javier Tourís, xunto co alcalde de Covelo, Pablo Castillo, presentou os recursos e novidades de +Aqua, +Novaqua e Provincia Comunitaria deste ano, unhas axudas que se poden solicitar ata o 1 de abril e que suman un investimento inicial de 3,2 millóns de euros, o que supón un 20% máis que no 2025.

As dúas liñas de axudas dirixidas ás comunidades de augas, +Aqua e +Novaqua, están dotadas este ano de máis de 1,8 millóns de euros para seguir avanzando na mellora da calidade da auga e das súas instalacións, así como na regularización das traídas. Os 360.000 € de +Novaqua irán dirixidos a regularizar as traídas de augas veciñais, con axudas que ascenden ata os 6.000 euros e permitirán aos colectivos sufragar os custos da redacción do proxecto de legalización e renovación, das analíticas ou dos traballos de topografía, así como os gastos de xestión e tramitación, entre outras cuestións.

Con preto de 1,5 millóns de euros, +Aqua destinará ata 10.000 € por entidade para instalar ou mellorar as infraestruturas das traídas de augas comunitarias (contadores, canalizacións, redes de distribución, tomas…), así como iniciativas de dixitalización, sostibilidade e eficiencia enerxética que impliquen unha mellora na xestión da auga. Tamén poderán dedicar os recursos da Deputación a financiar sistemas de tratamentos ou da calidade da auga subministrada, ademais de a obras de mellora na captación ou actuacións de impermeabilización, entre outras actuacións.

No que respecta a Provincia Comunitaria, a liña de axudas dirixida a asociacións de veciños, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños e asociacións de mulleres rurais da provincia, o orzamento ascende a preto de 1,5 millóns, tamén con máximo de 10.000 euros por entidade beneficiaria. Neste caso, os colectivos poderán solicitar o financiamento de obras, da adquisición de equipamentos ou dos gastos derivados da xestión e tramitación da subvención e do pago de taxas, así como para traballos de roza e de limpeza de terreos.

Recursos de Acción Comunitaria en Covelo

Ata o de agora foron nove as entidades de Covelo que se beneficiaron de 81.000 € das liñas de axuda de Acción Comunitaria da Deputación de Pontevedra. Trátanse de sete comunidades de usuarios de augas que recibiron máis de 69.000 euros para executar obras de mantemento e de mellora das súas infraestuturas. Ademais, dúas asociacións da localidade beneficiáronse de 12.000 euros para regularizar as súas traídas.

Galerias de imaxes