A Deputación presenta en Moraña as liñas de axudas de Acción Comunitaria do 2026, das que en anos anteriores se beneficiaron once entidades do concello con 125.000 €
O deputado de Acción Comunitaria, Javier Tourís, deu a coñecer +Aqua, +Novaqua e Provincia Comunitaria, as tres liñas de axudas provinciais dirixidas a comunidades de augas e ao tecido asociativo que se poden solicitar ata o 1 de abril
25/02/2026
A Deputación de Pontevedra deu a coñecer en Moraña as liñas de axudas provinciais de Acción Comunitaria para este 2026 dirixidas a comunidades de augas e ao tecido asociativo, das que en anos anteriores se beneficiaron once entidades do concello con 125.000 € e, no conxunto da provincia, arredor de mil colectivos entre os que se distribuíron 11,5 M€. O deputado de Acción Comunitaria, Javier Tourís, xunto co alcalde de Moraña, Sito Gómez, presentou os recursos e novidades de +Aqua, +Novaqua e Provincia Comunitaria deste ano, unhas axudas que se poden solicitar ata o 1 de abril e que suman un investimento inicial de 3,2 millóns de euros, o que supón un 20% máis que no 2025.
As dúas liñas de axudas dirixidas ás comunidades de augas, +Aqua e +Novaqua, están dotadas este ano de máis de 1,8 millóns de euros para seguir avanzando na mellora da calidade da auga e das súas instalacións, así como na regularización das traídas. Os 360.000 € de +Novaqua irán dirixidos a regularizar as traídas de augas veciñais, con axudas que ascenden ata os 6.000 euros e permitirán aos colectivos sufragar os custos da redacción do proxecto de legalización e renovación, das analíticas ou dos traballos de topografía, así como os gastos de xestión e tramitación, entre outras cuestións.
Con preto de 1,5 millóns de euros, +Aqua destinará ata 10.000 € por entidade para instalar ou mellorar as infraestruturas das traídas de augas comunitarias (contadores, canalizacións, redes de distribución, tomas…), así como iniciativas de dixitalización, sostibilidade e eficiencia enerxética que impliquen unha mellora na xestión da auga. Tamén poderán dedicar os recursos da Deputación a financiar sistemas de tratamentos ou da calidade da auga subministrada, ademais de a obras de mellora na captación ou actuacións de impermeabilización, entre outras actuacións.
No que respecta a Provincia Comunitaria, a liña de axudas dirixida a asociacións de veciños, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños e asociacións de mulleres rurais da provincia, o orzamento ascende a preto de 1,5 millóns, tamén con máximo de 10.000 euros por entidade beneficiaria. Neste caso, os colectivos poderán solicitar o financiamento de obras, da adquisición de equipamentos ou dos gastos derivados da xestión e tramitación da subvención e do pago de taxas, así como para traballos de roza e de limpeza de terreos.
Recursos de Acción Comunitaria en Moraña
Ata o de agora foron once as entidades de Moraña que se beneficiaron de 125.000 € das liñas de axuda de Acción Comunitaria da Deputación de Pontevedra. Trátanse de catro comunidades de usuarios de augas que recibiron preto de 38.000 euros para realizar obras de mellora nas súas infraestruturas, captacións e traídas, e outra que con máis de 3.000 euros vai renovar a concesión da traída. Ademais, seis asociacións da localidade beneficiáronse de preto de 84.000 euros para adquirir equipamento e mobiliario, realizar obras de illamento e impermeabilización dos seus locais sociais.
