A Deputación destina 37.000 euros para que 13 entidades da contorna de Pontevedra impulsen actividades de dinamización da lingua galega
A liña de axudas, que repartiu 150.000 euros entre 61 entidades de toda a provincia, ten como obxectivo favorecer o coñecemento, a posta en valor e o uso da lingua galega por parte da cidadanía
07/07/2026
A Deputación de Pontevedra destina este 37.000 euros a 13 colectivos da contorna de Pontevedra para o impulso de actividades de dinamización da lingua galega. A Xunta de Goberno da institución provincial acaba de aprobar esta liña de axudas das que este ano resultaron beneficiarias un total de 61 entidades sen fins de lucro do territorio provincial, co fin de organizar accións que permitan incrementar a presenza do galego en todos os contextos.
En Barro a Asociación Musical Cultural Tirante recibirá 3.975 € para o proxecto Camiña Toponimia; en Cerdedo Cotobade a Asociación Cultural Os Trazantes de Tenorio 1.100 € para desfrutar da música galega á vez que se potencia dito uso e se comparte a cultura, e na Lama a Asociación Mulleres Rurais As Ermidas contará con 4.000 € para un programa de dinamización e normalización lingüística xuvenil e Fundación Ofir Vida con outros 4.000 € para o programa de dinamización lingüística escolar “Os lugares que habito, teñen nome propio”.
Ademais, a Asociación Marín de Cine contará con 3.178 € para o proxecto Peque Cine, en Moraña a Asociación de Mulleres Rurales O Menhir con 1.316 € para promocionar a lingua galega a través dun audiovisual sobre o cine en Moraña, e en Poio a Asociación Cultural Deportiva e Medioambiental Armadiña contará con 1.032 € para os vermús literarios “Un ronsel de historias”, a Asociación Cultural Escola de Música de Poio con 4.000 € para Cantamos en galego: banda, escola e tradición, e o Centro Cultural Ateneo Corredoira con 2.884 € para Maio, mes da lingua. Por último, en Ponte Caldelas a Asociación Cultural O Torreiro de Forzáns recibirá 2.479 € para Castro de Pena Redonda: lingua, territorio e memoria, e en Pontevedra se beneficiarán tres entidades: a Asociación de Comerciante Autónomos Galerías Oliva recibirá 3.902 € para a Feira dos Oficios da Nosa Terra, a Asociación de Empresarios de Pontevedra 3.009 € para O galego está de moda, e a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua 2.413 € para os Premios Mil Primaveras.
“Desde a Deputación temos claro que temos que apoiar ás entidades que traballan pola nosa lingua, porque defender o galego é defender a nosa cultura e a nosa historia -remarcou o presidente Luis López trala Xunta de Goberno da Deputación-. Investir na nosa lingua é investir no futuro da nosa provincia, no futuro de Galicia”.