A Deputación reparte 2,12 millóns de euros entre 16 concellos da contorna de Vigo e do sur da provincia ao abeiro de Vía Depo, o novo plan provincial para arranxar as estradas municipais danadas polos temporais

A Xunta de Goberno da Deputación deu luz verde ao 82% dos fondos deste programa extraordinario, aprobando un total de 6,6 millóns de euros para 49 concellos da provincia

17/09/2026

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar o reparto de máis de 2,12 millóns de euros entre os concellos da Caniza, A Guarda, Arbo, As Neves, Baiona, Crecente, Fornelos de Montes, Mondariz, O Porriño, O Rosal, Oia, Ponteareas, Salvaterra de Miño, Soutomaior, Tomiño e Tui ao abeiro de Vía Depo, o novo plan provincial para arranxar as estradas de titularidade municipal danadas polos temporais do inverno. Este plan extraordinario está dotado con 8 millóns de euros e vai dirixido aos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes e a Xunta de Goberno da institución provincial aprobou o reparto do 82% dos fondos, un total de 6,6 millóns de euros para 49 concellos da provincia.

No caso da contorna de Vigo e do sur da provincia, A Caniza contará con 177.000 € para a rehabilitación do firme de vías municipais nas parroquias de Petán, Achas e Oroso; A Guarda con 88.000 € para a mellora e renovación do firme na PO-353, na Travesía Bouzó e na rúa Bouzó, na rúa Celta de Vigo, na rúa Vigo e na rúa Circunvalación; Arbo con 109.000 € para a rehabilitación e conservación na vía que conecta a estrada PO-400 coa EP-5206; As Neves con 134.000 € para a mellora da drenaxe e incremento da seguridade viaria en San Pedro de Batalláns, e os camiños da Furna, de Casal á Ladaíña, das Barreiras á Pedreira, de Ribarteme e Sequeiros de Baixo; Baiona con 104.000 € para a rehabilitación de varios camiños municipais (Camiño O Cruceiro, Camiño da Portela, Rúa a Ponte Nova e Camiño As Fontiñas) e da pasarela e escaleiras xunto á antiga cetárea, na contorna da fortaleza de Monterreal; Crecente con 117.000 € para a reparación e mellora estrutural de dezaseis treitos de vías de titularidade municipal (Capilla, Forno Telleiro, Cháns, Perdigón, Outeiro, Foz, Torre, Outeiro-Ribeira, Ribeira de Abaixo, Cabadas, Chan da Mo, Estrada, Rúa García Neira, Borbote, Soutomaior e Carreira), e Fornelos de Montes con 112.000 € para a reparación de danos causados en infraestruturas municipais en Ventin, Estacas e Fornelos.

Ademais, Mondariz recibe 127.000 € para as obras de conservación e rehabilitación do firme asfáltico nun total de 62 puntos distribuídos por todas as parroquias; O Porriño 150.000 € para as obras de mellora da seguridade viaria entre San Campo e o Rego das Laxas, nas parroquias de Atios e Pontellas; O Rosal 101.000 € para o reforzo de varios camiños afectados polas inclemencias meteorolóxicas (rúas Callejón e A Lomba e camiños Barbuntín, O Arauxo, Ponte do Pao e O Castañal); Oia 121.000 € para a reparación da capa de rodaxe e a mellor da drenaxe en varios camiños de titularidade municipal, así como a intervención estrutural de emerxencia no camiño nº 159; Ponteareas 217.000 e para a pavimentación e repintado das avenidas de Galicia e Sarmiento Rivera e o camiño na Freixa; Salvaterra de Miño 146.000 € para a mellora da pavimentación de varios camiños de titularidade municipal das parroquias de Salvaterra, Corzáns, Pesqueiras, Arantei, Porto e Uma; Soutomaior 84.000 € para a drenaxe e repavimentación nos camiños de Barreiriña e Carrascal; Tomiño 172.000 € para o plan de asfaltados nas parroquias de Piñeiro, Taborda e Amorín, e Tui 156.000 € para a reparación e mellora do firme nun tramo da antiga estrada nacional N-550 que abrangue desde a ponte sobre o río Louro ata a ponte da liña de ADIF.

O presidente provincial, Luis López, destacou que este primeiro reparto se produce apenas catro meses despois da aprobación do programa, dando resposta así ás demandas trasladadas polos alcaldes e alcaldesas da provincia. “En só catro meses despois da aprobación deste plan extraordinario, iniciamos xa o reparto de fondos aos concellos”, sinalou. O Vía Depo naceu como un programa extraordinario para atender diferentes necesidades dos concellos, especialmente as relacionadas co mantemento e mellora das estradas de titularidade municipal, os accesos a recursos naturais e a reparación dos danos provocados polos temporais deste inverno. O programa establece unha achega mínima de 50.000 euros por concello, mentres que o resto dos fondos se distribúe aplicando criterios obxectivos relacionados coa superficie, a poboación e o número de entidades singulares de cada municipio.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.