A Deputación avala o rescate dos 1,57 millóns de fondos provinciais para a humanización da rúa San Roque en Vigo

A comisión de seguimento do convenio bilateral entre a institución provincial e o Concello emite o informe favorable para ampliar por un ano o prazo de execución

17/09/2026

A Deputación avala o rescate dos 1,57 millóns de fondos provinciais para a humanización da rúa San Roque en Vigo

A Deputación de Pontevedra avalou o rescate dos 1.569.494 euros que destina á humanización da rúa San Roque, no tramo comprendido entre Gregorio Espino e a rúa Ruiseñor. Unha actuación que conta cun orzamento total de 2.271.099 millóns, dos cales o 69% proceden das arcas provinciais. O Concello de Vigo completa o presuposto co 31% restante (701.605 euros).

Así o anunciou a vicepresidenta, Luisa Sánchez, tras a reunión da comisión de seguimento do convenio, celebrada este xoves na sede viguesa da Deputación, na que se emitiu o informe favorable preceptivo para avanzar na prórroga solicitada polo Concello de Vigo. Na reunión tamén participaron a deputada de Cooperación, María Ramallo, o xefe deste servizo provincial e un concelleiro da administración municipal.

“Estamos ante o rescate do rescate”, explicou Luisa Sánchez, que lembrou que os fondos destinados a San Roque proceden á súa vez dos 6,2 millóns de euros que recuperou á súa chegada á Deputación por falta de execución orzamentaria. “É a terceira vez en tres anos que lle rescato fondos ao goberno local de Vigo. Tres procesos que suman unha contía total de 10,3 millóns de euros”, informou.

Así, a vicepresidenta defendeu que este traballo forma parte do compromiso da Deputación con Vigo: “Non só atraendo investimento, non só conseguindo un financiamento récord da Deputación para Vigo, senón tamén evitando que Vigo perda fondos que xa estaban comprometidos para actuacións na cidade”.

O procedemento continúa coa aprobación da ampliación nas respectivas xuntas de goberno -provincial e local- para posteriormente asinar a prórroga por un ano, ata o 30 de setembro de 2027. En todo caso, tal e como avanzou a representante provincial na cidade olívica, a motivación presentada polo Concello recolle que os traballos rematarán a finais de 2026. A este respecto, valorou que nesta ocasión o goberno local achegase a xustificación do retraso xunto coa súa solicitude, sen que a Deputación tivese que requirila.

A actuación céntrase nun tramo de case 300 metros de rúa, con novas beirarrúas e medidas de reforzo da seguridade. O proxecto inclúe tamén unha nova praza entre San Roque e Couto de San Honorato, cunha nova bancada e zona verde, ademais dun único sentido de circulación, novas zonas de aparcamento nas rúas Talud e Gregorio Espino, mobiliario urbano, renovación das redes de abastecemento e saneamento, rega automática e un aparcabicis.

Galerias de imaxes

audios