A Deputación recibe este domingo un novo grupo de 140 cativos de 37 concellos nos campamentos da Lanzada
Durante seis días os pequenos desfrutarán nas instalacións do Grove dun amplo programa con actividades educativas, culturais, deportivas e formativas
23/07/2026
Os campamentos da Lanzada da Deputación de Pontevedra reunirán na súa sexta quenda a partir deste domingo 26 de xullo un total de 140 nenos e nenas de 37 concellos da provincia. Ao longo de seis días, ata o sábado 1 de agosto, os cativos poderán desfrutar do seu tempo de lecer a través de actividades de carácter educativo, cultural, deportivo e formativo. Neste verán e ata o 5 de setembro, serán en total máis de 1.500 menores empadroados nalgúns dos concellos da provincia os que participen nas once quendas en que se dividen os campamentos.
Os rapaces que chegarán esta semana ás instalacións que a Deputación ten no Grove proceden dos concellos de Arbo (1), Baiona (2), Bueu (2), Caldas de Reis (1), Cangas de Morrazo (6), A Caniza (4), Cuntis (1), Dozón (2), A Estrada (3), Fornelos de Montes (1), Gondomar (1), O Grove (3), A Guarda (1), A Illa de Arousa (3), Lalín (1), Marín (3), Mondariz (1), Mos (2), O Campo Lameiro (1), Ponte Caldelas (2), Ponteareas (3), Pontecesures (4), Pontevedra (15), O Porriño (10), Portas (1), Redondela (8), Ribadumia (3), O Rosal (1), Salceda de Caselas (4), Sanxenxo (2), Silleda (6), Soutomaior (4), Tomiño (2), Tui (5), Valga (5), Vigo (17) e Vilagarcía de Arousa (9).
No Centro de Vacacións da Lanzada, emprazado en San Vicente do Mar (O Grove), a cativada poderá desfrutar dun completo programa de actividades nas que salientan as deportivas, que terán lugar tanto no campamento (deportes alternativos, tiro con arco, orientación, carreira de obstáculos) como na praia (bodyboard, snorkel ou xogos de praia). Tamén gozarán de actividades artísticas, científicas, en lingua inglesa, nocturnas, de coñecemento do medio, teatro e contacontos, baile e actividades culturais e realizarán excursións a lugares como a illa de Ons.
