A Deputación organiza a próxima semana dous novos obradoiros de capacitación tecnolóxica da Rede SmartPeme+

Os días 5 e 6 de agosto realizaranse accións telemáticas arredor do almacenamento na nube e a prestación de servizos automatizados de atención á clientela

03/08/2025

A Deputación de Pontevedra organiza a próxima semana dous novos obradoiros de capacitación tecnolóxica ao abeiro da Rede SmartPeme+. As accións, en formato telemático (todas elas requiren inscrición previa), celebraranse o martes 5 e o mércores 6 de agosto e afondarán en cuestións de grande interese para o tecido empresarial da provincia como son o almacenamento na nube e a prestación de servizos automatizados de atención á clientela.

O martes 5 de agosto celebrarase o obradoiro en liña “A túa información sempre a man: almacenamento na nube”, a partir das 11:00 horas organizado pola oficina de Ponteareas. O obradoiro busca orientar as empresas e autónomos cara a unha mellora dos seus sistemas de almacenaxe actuais a través dos novos servizos ofrecidos na Internet, reducindo custos e garantindo un mellor tempo de actividade dos servizos mencionados. A sesión será impartida por Laura Carrera, graduada en Publicidade e Relacións Públicas, que conta cunha ampla experiencia asesorando empresas de diversos sectores no ámbito da comunicación e o marketing dixital. As inscricións pódense realizar neste formulario.

Por último, o mércores 6 de agosto tamén ás 11:00 horas terá lugar o obradoiro “ChatBot, a automatización da atención ao cliente” coordinado pola oficina do Cambados. Este obradoiro tratará de contextualizar e mostrar que é e como utilizar os ChatBot como modelo da automatización da atención ao cliente. A sesión incluirá ferramentas para crear un, así como un caso práctico para Facebook. Será impartida por José Luis Taboada, asesor na propia oficina con máis de 25 anos no sector e especializado en sistemas informáticos, e as inscricións pódense realizar neste formulario.

A Deputación destina este ano 1,45 millóns de euros á Rede SmartPeme+ e Acelera Pyme Rural para asesorar persoas emprendedoras desde as oficinas de Barro, Cambados, Lalín, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño e Vigo. Desde esta rede lévanse a cabo actividades formativas relacionadas co crecemento empresarial e a transformación dixital, asesorando a ata 2500 emprendedores, autónomos e pemes ao ano e impartindo arredor de 200 talleres formativos e actividades complementarias.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.