A Deputación organiza a próxima semana sete novos obradoiros de capacitación tecnolóxica da Rede SmartPeme+
O organismo provincial impulsa entre este luns e venres accións formativas centradas na intelixencia artificial, Instagram, programas de xestión hostaleira ou códigos QR
25/01/2026
A Deputación de Pontevedra organiza esta semana sete novos obradoiros de capacitación tecnolóxica ao abeiro da Rede SmartPeme+. As accións, todas elas requiren inscrición previa, celebraranse do luns 26 ao venres 30 de xaneiro e afondarán en cuestións de interese para o tecido empresarial da provincia como a intelixencia artificial, Instagram, programas de xestión hostaleira ou códigos QR.
O luns 26 de xaneiro, a partir das 12:00 horas, terá lugar o obradoiro telemático “Mellora de procesos con IA II - Márketing con IA, contido que impacta”. As persoas participantes aprenderán a deseñar carteis e anuncios de impacto, combinando fotos e textos para que as súas ofertas se lean con claridade e atraian clientela de inmediato. As inscricións pódense realizar neste formulario. A seguinte sesión deste obradoiro terá lugar o xoves 29 ás 12:00 horas, tamén telemática, centrada na “Estratexia baseada en datos” e onde os participantes aprenderán a utilizar a intelixencia artificial para comprender mellor as vendas, analizar a competencia e tomar decisións baseadas en datos de forma sinxela, sen necesidade de ser experto en matemáticas (inscricións nesta ligazón). Ambas formacións serán impartidas polo asesor do Centro de Desenvolvemento Industrial Informatizado de Barro, Manuel Tornos.
O martes 27 de xaneiro, a partir das 12:00 horas, terá lugar o obradoiro telemático “Instagram para principiantes I”, coas claves básicas desta aplicación para novos usuarios. As inscricións pódense realizar neste formulario. O xoves 29 ás 17:00 horas terá lugar a segunda parte deste obradoiro, tamén de forma telemática, con algúns conceptos máis complexos na xeración de contido visual nesta ferramenta. As inscricións pódense realizar nesta ligazón e ámbalas dúas formacións serán impartidas por Lara Taboada, licenciada en Educación Artística en Deseño Gráfico, con experiencia en fotografía de produto e composición fotográfica creativa.
O mércores 28 de xaneiro terán lugar dúas sesións telemáticas. A primeira delas, a cargo da licenciada en Turismo Patricia Cabaleiro, será “Programas de xestión hostaleira”, na que se achegará información sobre plataformas que permiten un traballo organizado e profesional, para aforrar tempo e erros nas operacións diarias dun aloxamento. As persoas interesadas pódense inscribir na seguinte ligazón. A segunda leva por título “A túa marca nun QR, tarxetas para destacar” e servirá para deseñar estas tarxetas virtuais que permiten facer unha ponte entre o papel e o móbil para dar visibilidade ás marcas e facilitar a conexión coa clientela. As inscricións poden formalizarse neste formulario.
Finalmente o venres 30 de xaneiro, ás 12:00 horas, desenvolverase o obradoiro en liña “Conversas que convencen: xestiona críticas e pecha vendas”, a cargo Guillermo Nass, TSU en Deseñador Gráfico Publicitario. Na sesión os participantes aprenderán a crear un sistema de respostas rápidas para redes sociais e WhatsApp co que xestionar críticas con elegancia e dar prezos de forma que a clientela queira mercar, cos obxectivos de mellorar a comunicación, aforrar tempo e aumentar as vendas. As inscricións pódense realizar na seguinte ligazón.
A Deputación destina neste 2026 740.000 € á Rede SmartPeme que, por vez primeira, se coordinará co servizo Polos de Emprendemento da Xunta co obxectivo de cubrir o territorio da provincia. Deste xeito, desde as oficinas de Vigo, Pontevedra e Ponteareas levaranse a cabo actividades formativas relacionadas co crecemento empresarial e a transformación dixital, asesorando a emprendedores, autónomos e pemes ao ano e impartindo talleres formativos e actividades complementarias.