A Deputación continúa o percorrido do ciclo Son Verán este xoves na Guarda da man de Laroá

O espectáculo terá lugar na praza do Reló ás 21:00 horas e será unha homenaxe ás mulleres que construíron identidade, comunidade e futuro en Galicia

30/08/2026

A Deputación continúa o percorrido do ciclo Son Verán este xoves na Guarda da man de Laroá

A Deputación de Pontevedra organiza este xoves 3 de setembro na Guarda un concerto do grupo Laroá no marco do circuíto cultural Son Verán. O espectáculo especial “Porque non hei de cantar” terá lugar na praza do Reló a partir das 21:00 horas e será unha homenaxe a todas as mulleres que construíron identidade, comunidade e futuro en Galicia.

Laroá basea este espectáculo nas mulleres que foron sustento das súas familias e tamén dun país enteiro, unhas mulleres que coas súas coplas reivindicativas expresaron as súas inquedanzas e compartiron e conservaron a memoria colectiva que hoxe continúa viva a través da transmisión oral. A proposta está profundamente enraizada na tradición, inspirada nas voces das mulleres valentes que cantaban ás necesidades no traballo cotián, ao amor e á vida, e para homenaxear esas mulleres o grupo contará no escenario con artistas especialmente vinculados á música tradicional e a súa recollida e investigación, cunha interpretación coidada que pon de relevo a importancia do canto tradicional.

Con Son Verán a Deputación afronta a segunda metade do período estival levando por toda a provincia unha programación cultural de calidade, co obxectivo de espallar a oferta cultural e musical provincial con estilos e propostas alternativas ás programadas polos concellos e pola propia Deputación. Os espectáculos encádranse en catro grandes bloques: ópera, musical, tradicional – celta e músicas do mundo. En total ofreceranse 13 actuacións en 8 comarcas da provincia, con especial atención aos concellos de menos de 20.000 habitantes.

Son Verán comezou o 24 de xullo cun concerto de Gabriel Fandi, e en agosto chegou aos concellos de Vilanova de Arousa, Caldas de Reis, Cerdedo Cotobade, Forcarei, Ribadumia e Valga. O espectáculo de ópera e música clásica “Querida Montserrat, querido Luciano” de ÓperaConcert tivo lugar en Vilanova de Arousa, Caldas de Reis e Forcarei, o espectáculo “Queiman Folk” en Valga e o concerto de Laroá puido desfrutarse tamén en Ribadumia.

Trala actuación da Guarda, en setembro Son Verán continuará nos concellos de Cangas de Morrazo, Marín, As Neves, O Porriño e Redondela. Roi Casal poderá escoitarse o día 13 na praza do Concello das Neves e proximamente en Redondela. Ademais, terán lugar dous concertos de Carlos Núñez, no auditorio municipal de Marín e no porto de Aldán de Cangas de Morrazo, e Son Verán rematará o seu percorrido polos concellos o 26 de setembro coa representación do espectáculo “Queiman Folk” no Porriño.

Galerias de imaxes