A Deputación financiará integramente as obras de saneamento de varios núcleos do Concello de Meis cunha inxección de máis de 480.000 euros do Plan +Provincia
O deputado provincial Javier Tourís anunciou que a axuda se aprobará este venres na Xunta de Goberno e permitirá dar cobertura aos núcleos de Valboa, A Moroza, A Bouza, Pazo e Redondelo
17/09/2026
O deputado provincial Javier Tourís anunciou este xoves en Meis que a Deputación de Pontevedra financiará integramente con 482.000 euros as actuacións necesarias para dotar de servizo de saneamento municipal a varios núcleos do concello, que na actualidade non contan con esta cobertura. A achega aprobarase este venres na Xunta de Goberno no marco do Plan +Provincia 2026-2027, que destina a Meis 978.000 euros sumando as catro liñas de 2026 e a liña de investimentos de 2027, á que este ano se pode acceder anticipadamente.
Javier Tourís sinalou que, coas actuacións proxectadas, aumentarase a cobertura do servizo de saneamento municipal en Valboa, na parroquia da Armenteira; na Moroza, parroquia de Paradela; na Bouza, parroquia de San Martiño; en Pazo, parroquia de San Tomé de Nogueira, e en Redondelo, parroquia de San Salvador de Meis. O obxectivo principal das obras previstas, é o de dotar do servizo de saneamento municipal a vivendas destas zonas. Ademais, aproveitando a actuación, renovarase o pavimento e mellorarase a seguridade viaria.
O deputado provincial sinalou que o Plan +Provincia 2026-2027 “conta con 85 millóns de euros para que os concellos poidan facer realidade os seus grandes proxectos”. A Deputación “é consciente de que os concellos precisan de financiamento para poder levalos a cabo, e por iso este é o plan de cooperación cos concellos máis ambicioso da historia da Deputación”, asegurou. Javier Tourís puxo en valor que o Plan +Provincia “é froito do noso compromiso de ser o goberno do municipalismo, con autonomía para que os concellos poidan decidir a que dedican os recursos que lles corresponden e coñecen de antemán para poder planificarse”.
