A Deputación financiará integramente a primeira fase da humanización do núcleo do Alcouce, en Vilaboa, cun investimento de máis de 170.000 euros
A deputada provincial María Ramallo visitou o concello e adiantou que a Xunta de Goberno do organismo aprobará este venres os recursos para esta actuación, enmarcados no Plan +Provincia 2026-2027
15/04/2026
A deputada provincial María Ramallo visitou este mércores Vilaboa, onde anunciou que a Deputación de Pontevedra se encargará de financiar integramente con máis de 170.000 euros a primeira fase das obras de humanización do núcleo rural do Alcouce, na parroquia de Figueirido. A Xunta de Goberno do organismo provincial aprobará este venres os recursos para esta actuación, enmarcados no Plan +Provincia 2026-2027 que destinará a Vilaboa máis de 1,5 millóns de euros sumando as catro liñas de 2026 e a liña 1 de 2027, á que este ano se pode acceder anticipadamente.
A deputada explicou que, con estes recursos e nunha primeira fase, o concello actuará neste núcleo rural tradicional nun tramo viario desde o acceso ao leste pola EP-0002 ata o espazo principal de relación da aldea, cunha superficie de 564 m2. O obxectivo é converter os viarios actuais en espazos de carácter peonil, sinalizando a zona para permitir o tráfico rodado de forma restrinxida a residentes, servizos e vehículos de emerxencia, recuperando o espazo público de estancia, xogo de nenos e relación que foi outrora. A actuación proposta contempla tamén a dotación de novo mobiliario urbano e a disposición dunha preinstalación das redes de servizo de abastecemento, así como unha nova instalación de alumeado e a previsión do soterramento das redes eléctrica e de telefonía.
María Ramallo puxo en valor que cos recursos provinciais “estamos dando resposta ás demandas dos concellos, que poden facer realidade proxectos que melloran a calidade de vida da súa veciñanza”. Neste sentido, a deputada sinalou que a través de plans como o +Provincia a Deputación “está a impulsar actuacións tan relevantes como a que hoxe anunciamos en Vilaboa, que non só melloran a seguridade viaria da vila, senón que recuperan os espazos públicos para as persoas”.
